Aínda que abundantes depósitos arqueolóxicos e testemuños históricos falan ás claras da importancia que alcanzaron os asentamentos celtas e romanos, non sería ata os séculos XII e XIII cando se configure propiamente a vila de Viveiro, tal como a entendemos na actualidade. O desenrolo económico experimentado nesta época prolongouse ó longo dos séculos XIV e XV, quedando acreditado o seu brío polo carácter gremial dalgunhas das súas máis antigas rúas –da Pilitaria ou da Zapatería- por exemplo que revela o característico perfil social e económico das mellores poboacións medievais.
Outro tanto é o que proclaman tamén os restos do antigo circundo amurallado, antano concibido tanto para a defensa fronte ós ataques exteriores como para o illamento dos seus veciños en tempos de peste. Os restos da súa muralla, que a pesar da súa importancia e sinxeleza sucumbiu como tantas outras ante a mal entendida modernidade do pasado século, son facilmente localizables no circundo da antiga vila, aínda que case sempre figuren incorporados a outras pequenas edificacións. A pesar de todo, aínda permanecen en pé tres das súas primitivas portas: a do Valado, que mostra o seu orixe románico; a da Vila, construída en 1217; e a do Castelo da Ponte, tamén chamada de Carlos V, que é a insignia de Viveiro monumental actual, sobre a que se conservan esculpidas as armas imperiais do monarca, as primitivas do reino e as propias da cidade.
Do avoengo e relevancia histórica desta cidade dan boa mostra igualmente as profundas pegadas que destacados liñaxes aristocráticos –os Vivero, Cervo, Pedrosa, Andrade, Pardo de Cela,… deixaron no perfil urbano de Viveiro.
Perduran, por exemplo, algunhas das súas grandes casas, das súas armerías esculpidas sobre pedra e, en especial, algunha das súas obras pías e fundacións relixiosas, como o convento da Concepción, que dotou e fundou dona María de las Alas Pumariño (+1601), ou a capela do Ecce Homo, chamada tamén da Misericordia, que foi levantada a expensas de D. Rodrigo Alonso Alfeirán (+1608).
Polo demais, só algúns nomes dalgúns fillos daqueles liñaxes aínda soan como símbolos da pequena historia da cidade de Viveiro: a venerable dona Constanza de Castro (+1498), beatificada pola tradición popular trala aparición do seu corpo incorrupto na igrexa de San Francisco máis de cen anos despois da súa morte; dona María Sarmiento (+1563), fundadora do famoso Colexio Insigne de la Natividad de Nuestra Señora, onde pasado o tempo haberían de estudiar moitos dos máis ilustres fillos de Viveiro, especialmente durante o pasado século: Castro Bolaño, Trelles Noguerol, Vicente Manuel Cociña, e sobre todo, Pastor Díaz (+1863), o chamado príncipe do romanticismo español, membro da Real Academia Española de la Lengua e posuidor ademais dunha longa e brillante traxectoria na Administración do Estado de mediados do século pasado; unha estatua no seu honor preside a Praza Maior da cidade.
O románico deixou tamén importantes pegadas nas terras da cidade; destacan as igrexas de San Pedro, de Santa María e a antiga conventual de San Francisco. Trazas románicas e oxivais poden tamén descubrirse na igrexa do convento das dominicas de Valdeflores, en Xunquera. Outro testemuño igualmente caracterizado do grande herdo medieval de Viveiro é a longa ponte sobre o Landro, ampliada con toda grandeza nos séculos XV, XVI e XVIII. |
 |
| Porta de Carlos V
|
 |
| Convento de Valdeflores
|
 |
| Igrexia de San Pedro
|
 |
| Igrexia de Santa María
|
 |
| Igrexia de San Francisco
|
|