| Ruta do Pozo da Ferida |
A ruta parte de Valado (Valcarría), subindo por un sendeiro amplo. Despois de camiñar un quilómetro, aproximadamente, encontramos un cruce ó pé do cal encontramos unha cruz que sinala a antiga existencia dun pequeno cemiterio, (onde enterraban os “anxiños”, nenos que nacían mortos). Deixando a cruz á nosa esquerda, seguímo-lo camiño todo recto ata alcanzar unha ponte (ponte do Xudreiro).
Chegados a este punto xa teremos camiñado unha hora e trinta minutos aproximadamente e podemos aproveita-la ponte para facer un pequeno descanso. Continuámo-la marcha seguindo o sendeiro de subida, sempre recto, deixando ó noso paso varias desviacións, ata alcanzar unha serie de casas onde se encontra a primeira sinalización que nos indica o camiño de baixada (cada vez máis empinado), cara ó Pozo da Ferida, magnífica fervenza de máis de 30 m de altura, no medio dun entorno naturalmente virxe.
|
|
|
|