TRáMITES LEVADOS A CABO POLO CONCELLO DE VIVEIRO PARA SOLVENTAR AS DEFICIENCIAS DETECTADAS NO INMOBLE SITO NA PRAZA MAIOR, 9

O 20 de xaneiro de 2014 incoouse un expediente de orde de execución para a limpeza do canalón do edificio, consolidación e apuntalamento de cuberta e retirada de pezas soltas con risco de caída á vía pública. Este expediente finalizou con Resolución de Alcaldía de data 15 de xaneiro de 2015 ordenando á Axencia madrileña para a tutela de adultos (como titores da propietaria) a execución de varias actuacións.

NOTA DE PRENSA

O obxectivo da presente nota é explicar os trámites levados a cabo polo Concello de Viveiro para solventar as deficiencias detectadas no inmoble sito na Praza Maior, 9, Viveiro. O 20 de xaneiro de 2014 incoouse un expediente de orde de execución para a limpeza do canalón do edificio, consolidación e apuntalamento de cuberta e retirada de pezas soltas con risco de caída á vía pública. Este expediente finalizou con Resolución de Alcaldía de data 15 de xaneiro de 2015 ordenando á Axencia madrileña para a tutela de adultos (como titores da propietaria) a execución de varias actuacións.

O 11 de febreiro de 2015, a Axencia madrileña para a tutela de adultos comunica a defunción da propietaria e explica que descoñece quen son os herdeiros.

O 29 de setembro de 2015 solicítase do Rexistro de Propiedade nota simple da finca para investigación xurídica da titularidade.

O 3 de novembro de 2015 o Rexistro da Propiedade de Viveiro expide nota simple informativa , no que consta que a titularidade rexistral do inmoble se corresponde con propietarias anteriores ás titulares catastrais, falecidas nesta data). Descoñécense, polo tanto, os propietarios actuais.

O 11 de novembro de 2015, os Servizos técnicos municipais emiten informe poñendo de manifesto a situación actual do inmoble e o perigo inminente que supón;  na mesma data emítese informe xurídico e proposta de resolución e dítase resolución pola Alcaldía ordenando a incoación de oficio do procedemento de orde de execución e a notificación aos interesados mediante publicación do acordo no BOE por resultar descoñecidos os interesados.

O 16 de novembro de 2015 remítese a Patrimonio solicitude de informe previo á resolución do procedemento, por encontrarse o inmoble no ámbito de protección da Porta de Carlos V.

O 30 de novembro de 2015 recíbese informe favorable de Patrimonio.

O 19 de xaneiro de 2016 envíase ao BOE o anuncio de incoación do expediente, que se publicou no BOE o 22 de xaneiro, sen que houbera alegacións.

O 10 de febreiro de 2016 esta Alcaldía dita a resolución do procedemento e ordenase a publicación no BOE, que foi publicado o 16 de febreiro actual.

O 17 de febreiro dítase resolución de Alcaldía ordenando a execución subsidiaria das obras, o inicio do procedemento urxente para seleccionar unha empresa, solicitar autorización xudicial para a entrada ao inmoble e a publicación no BOE.

O 19 de febreiro solicítase autorización ao Xulgado Decano (Contencioso-Administrativo) de Lugo para entrada ao inmoble, sendo requiridos para que se inicie o recurso pola representación procesal da administración. A dilixencia de ordenación e ecomenda de defensa xa está enviada aos letrados da Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo para praticar as dilixencias oportunas.

O 22 de febreiro ordénase ao Servizo de Contratación a iniciación do procedemento urxente para seleccionar unha empresa e á Intervención municipal a retención de crédito. O mesmo día envíase anuncio ao BOE.

Hoxe, 25 de febreiro de 2016, publicouse no BOE o anuncio de execución subsidiaria. Esta relación de feitos vén a demostrar que os trámites para a subsanación desta situación se veñen desenvolvendo dende hai tempo, seguindo os trámites legalmente establecidos e esperando que á maior brevidade posible se poida actuar sobre o devandito inmoble.

Viveiro, 25 de febreiro de 2016.

A Alcaldesa, María Loureiro García

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar