14
Xuño
‘NAVEGA EL CAMIÑO
O CONCELLO DE VIVEIRO RECIBIU AOS PARTICIPANTES DA TRAVESÍA ‘NAVEGA EL CAMIÑO’, QUE PASARÁN DOUS DÍAS NO MUNICIPIO
Viveiro, 11 de xuño de 2021. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o concelleiro do Mar, Jesús Fernández, e a concelleira de Turismo, Marisol Rey, reciben aos participantes da Travesía Navega el Camino, que recalaron no día de hoxe en Viveiro para pasar no noso municipio dúas xornadas, disfrutando da programación organizada polo concello para dar a coñecer os nosos recursos.
O Concello de Viveiro ven apoiando a Travesía Navega el Camino dende os seus inicios, sendo o primeiro concello en apostar por esta iniciativa e valorando o seu potencial como un encontro que combina a tradición, a cultura e a gastronomía co deporte marítimo, ao tempo que serve para promocionar o noso municipio dentro e fóra das nosas fronteiras.
Dende a primeira edición, Viveiro entendeu que esta travesía contribuiría a dar a coñecer e promover o Camiño do Mar, unha ruta de peregrinaxe na que o goberno municipal leva anos traballando co fin de conseguir o seu recoñecemento e oficialización.
Esta é a 6ª edición e ao longo destes anos, Navega el Camino consolidouse como unha travesía marítima con éxito e repercusión internacional, polo que para Viveiro é unha honra poder formar parte da súa historia dende o seu comezo, ao tempo que é unha alegría ver agora outras administracións tamén se volcan con esta iniciativa, conseguindo que esta travesía poida ter cada vez unha maior visibilidade.
Navega el Camino é un reclamo turístico importante, unha proposta que ten como obxectivo impulsar a navegación a vela como unha forma de facer o Camiño de Santiago, e que contribúe para dar a coñecer Viveiro como un destino turístico de calidade.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro