10
Maio
300 ANOS DA FEIRA DAS MAULAS
A ALCADESA DE VIVEIRO CONSIDERA A FEIRA DAS MAULAS “UN SÍMBOLO DE GALDO” E AGRADECE “O ESFORZO VECIÑAL PARA MANTELA VIVA” NA PRESENTACIÓN DO DOCUMENTAL POLOS SEUS 300 ANOS
“Conseguir que As Maulas siga cumprindo anos é manter o sentimento de pertenencia a Galdo, o espíritu colectivo, a colaboración veciñal, a parroquia e o pobo”, afirma María Loureiro
Viveiro, 8 de maio de 2021. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, considerou esta tarde a Feira das Maulas “un símbolo da parroquia de Galdo”, agradecendo “o esforzo e a colaboración veciñal para mantela viva”.
Aínda que este ano non pode de novo celebrarse pola pandemia do coronavirus, o Teatro Pastor Díaz acolleu a presentación do documental sobre a feira, realizado por Paco Salgueiro.
A través das testemuñas dos veciños e veciñas de Galdo, o documental recolle a esencia do evento e conmemora os primeiros 300 anos da oficialidade da Feira das Maulas, desde aquel 1721 no que o Real Consejo de Castilla legalizouna a través dunha Real Cédula.
“Quero dar as grazas ás persoas que aparecen no documental, todas elas moi necesarias polo seu traballo na asociación de veciños, na comisión de organización da Feira das Maulas ou nos establecementos e tabernas da parroquia”, apuntou a alcaldesa.
“Todas elas teñen ademais unha característica en común: o seu amor por Galdo e por manter viva a tradición da Feira das Maulas, sen dúbida algo máis que un mercado… un lugar de encontro, un acontecemento social, unha festa, un símbolo da parroquia, engadiu.
En palabras de María Loureiro, “a Feira das Maulas forma parte de algo inmaterial e intanxible, de algo imprescindible en parroquias como Galdo: o sentimento de pertenencia. É marabilloso ver o orgullo co que os veciños e veciñas de Galdo explican a feira, lembran anécdotas, emociónanse ao pensar nas persoas que xa non están e falan sempre de axudar, de colaborar ou de botar unha man”.
“Estou segura de que ese sentimento de pertenencia estará sempre moi por encima das dificultades e permitirá manter viva a Feira das Maulas, todavía algo máis inmortal despois deste documental que hoxe presentamos”, asegurou.
“Todos e todas temos que mirar pola Feira das Maulas, coidala e saber transmitila para mantela viva, porque máis aló do que é a feira en sí, conseguir que As Maulas sigan cumprindo anos é manter o sentimento de pertenencia, o espíritu colectivo, a colaboración veciñal, a parroquia e o pobo”, rematou.
Por último, Loureiro agradeceu “o esforzo de todas as persoas e entidades sociais e culturais que manteñen viva a historia de Viveiro e as súas tradicións”.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro