22
Decembro
ACCESIBILIDADE COGNITIVA DO EDIFICIO MUNICIPAL
O CONCELLO DE VIVEIRO RECIBE A ASOCIACIÓN BATA, QUE TRABALLA CO ESPECTRO AUTISTA, PARA AVALIAR A ACCESIBILIDADE COGNITIVA DO EDIFICIO MUNICIPAL
Viveiro, 21 de decembro de 2021. O Concello de Viveiro realizou hoxe unha xornada de análise a cargo dunha técnica e dúas validadoras da Asociación BATA, que traballa con persoas que teñen Trastorno do Espectro Autista (TEA). Na visita, realizaron unha avaliación do edificio no que se ubica o Concello de Viveiro, co obxectivo de valorar se é un lugar accesible para persoas con TEA.
As validadoras son persoas con espectro autista que baixo o seu punto de vista avalían as necesidades da instalación para ser accesible cognitivamente. Unha vez recollidas as posibles deficiencias, a Asociación BATA trasladará ao Concello de Viveiro un informe cos puntos a mellorar.
“Este informe serviranos como guía para mellorar na nosa teima de que Viveiro sexa un lugar completamente inclusivo. De momento, semella que a avaliación será alentadora para seguir traballando”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega.
Esta iniciativa inclúese no marco da programación de “Superarte”, a mostra de teatro inclusiva impulsada polo Concello de Viveiro e que este ano se dedicou ás persoas con TEA.
“Fomos un municipio pioneiro co programa Viveiro Inclúe, co que seguiremos desenvolvendo actividades como esta para que Viveiro sexa un lugar máis inclusivo”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro