24
Xullo
ALUMNOS DO CONSERVATORIO
O CONCELLO DE VIVEIRO DESTACA O TRABALLO E O ESFORZO DOS ALUMNOS DO CONSERVATORIO QUE LOGRARON O ACCESO Á FORMACIÓN MUSICAL SUPERIOR
Viveiro, 23 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro informa que todos os alumnos que remataron este curso os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e decidiron orientar o seu futuro profesional cara á música, obtiveron praza nos Conservatorios Superiores de Música. Polo tanto, todos conseguiron superar a proba de acceso, indispensable para cursar os seus estudios de Grao Superior.
Concretamente, Antía Dovale (guitarra), accedeu ao Conservatorio Superior de A Coruña; Xabier Boixet (piano), aos Conservatorios Superiores de Musikene (San Sebastián) e Salamanca; mentres que Uxío Dayan (gaita) e Manuel Riveira (gaita) accederon ao Conservatorio Superior de Vigo.
“Parabéns aos catro, a quen lles espera de seguro un futuro brillante na música. Tamén é de eloxiar o traballo do profesorado do noso Conservatorio, cuxo esforzo desenvolve grandes talentos musicais”, subliñou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
As probas de acceso aos Conservatorios Superiores están caracterizadas pola súa dificultade e especialización, onde os alumnos compiten por unhas poucas prazas. Nestas probas, os alumnos teñen que amosar, diante dun tribunal, a súa destreza no instrumento, interpretando un programa de 30 minutos sobre obras de diferentes estilos. Ademais, teñen que amosar os seus coñecementos de análise musical nunha proba específica da especialidade.
O Conservatorio de Viveiro envía todos os anos alumnos e alumnas a estas probas, que nutren os conservatorios superiores de alumnado que amosa unha gran calidade, produto das ensinanzas que se imparten no centro viveirense.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro