11
Setembro
AXUDA NO FOGAR
O CONCELLO DE VIVEIRO DESTINOU O ANO PASADO 1.191.000 EUROS Á AXUDA NO FOGAR, DANDO SERVIZO A CASE 200 VECIÑOS E VECIÑAS
Viveiro, 8 de setembro de 2023. O Concello de Viveiro destinou no ano 2022 un total de 1.191.000 euros a financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF): 336.593,25 euros para o sistema de Libre Concurrencia e 854.354,34 euros para Dependencia.
O concello préstalle servizo de axuda no fogar a 194 usuarios, polos que recibe unha axuda da Consellería de Política Social para o custo de 108 usuarios de Dependencia, non sufragando a Xunta o custo dos 86 usuarios de Libre Concurrencia.
En concreto, o custo da hora da prestación do servizo para o Concello de Viveiro ascende a 16,04 euros por hora, sendo unicamente subvencionado pola Xunta co importe de 12 euros por hora o SAF de Dependencia, non sendo achegada pola Consellería de Politica Social cantidade algunha para o SAF de Libre Concurrencia.
“O que debe facer o PP e demandar máis aportación por parte da Xunta, sobre todo para o servizo de Libre Concurrencia”, asegurou a alcaldesa, María Loureiro, no último pleno municipal en resposta a unha pregunta do PP sobre este tema.
O Concello de Viveiro ten o compromiso de non ter ningún dependente con grado III na lista de espera, “pero non podemos asumir o servizo de todos os usuarios, xa que a Consellería non aporta os fondos necesarios, coma xa lles reclamaron dende a FEGAMP en reiteradas ocasións”, engade Loureiro.
O custo que afronta o concello nos servizos sociais comunitarios para a prestación do SAF e o volume de persoas que o están a recibir foise incrementando paulatinamente. As circunstancias económicas actuais requiren unha maior achega económica por parte da Xunta de Galicia que garanta a estabilidade do financiamento do Sistema Galego de Servizos Sociais, no que atinxe aos orzamentos das entidades locais.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro