30
Xaneiro
AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS NOS CENTROS HISTÓRICOS
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DUNHA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS NOS CENTROS HISTÓRICOS
Viveiro, 28 de xaneiro de 2022. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe, día 28 de xaneiro, a orde pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a adquisición de vivendas nos centros históricos.
As bases reguladoras destas axudas son as publicadas o 15 de marzo de 2021 no Diario Oficial de Galicia: “Resolución do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021”.
O obxecto destas axudas é favorecer o asentamento de nova poboación nos conxuntos históricos, independentemente da súa idade, contribuíndo á dinamización social, económica e patrimonial destes ámbitos.
Poden ser beneficiarios as persoas físicas maiores de idade que cumpran certos requisitos como ter uns ingresos inferiores ao 6,5 IPREM; non ter vivenda en propiedade, non ter débedas coas administracións e ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que estea ubicada no espazo delimitado polo Plan especial de protección e reforma interior do casco antigo, aprobado definitivamente o 7 de agosto de 1997 (xúntase plano) e ser destinadas a vivenda habitual e permanente, entre outros requisitos.
Tamén poderán beneficiarse destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en centros históricos ao abeiro da Resolución do 25 de febreiro de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.
As axudas poderán ser de máximo o 20% do importe da vivenda, cun límite de 10.800 euros para os maiores de 35 anos e de 12.800 euros para os menores de 35 anos.
O prazo de solicitude remata o día 30 de setembro de 2022 e en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
Para máis información e/ou tramitar a solicitude da axuda, poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro (Praza Maior, 1) ou chamar ao teléfono 982562968.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro