03
Agosto
AXUDAS PARA OS AUTÓNOMOS E PEMES AFECTADAS POLA PANDEMIA DA COVID-19
O CONCELLO DE VIVEIRO ABRE O PRAZO DE SOLICITUDE DAS AXUDAS PARA OS AUTÓNOMOS E PEMES AFECTADAS POLA PANDEMIA DA COVID-19
Viveiro, 2 de agosto de 2021. O Concello de Viveiro informa que no BOP nº 175 de hoxe, 2 de agosto de 2021, dáse publicidade ás bases reguladoras e á convocatoria das novas axudas de impulso da actividade económica no termo municipal de Viveiro para paliar os efectos da Covid-19, estando aberto o prazo para presentar as solicitudes dende o día seguinte ao da referida publicación no BOP e ata o 3 de setembro de 2021, segundo o establecido en ditas bases.
Ditas bases teñen por obxecto establecer a regulación (solicitude, tramitación, concesión, xustificación, pago e reintegro) e convocar as subvencións municipais destinadas a paliar o impacto derivado da Covid-19 sobre os pequenos empresarios e autónomos de Viveiro que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 50% no exercicio 2020 respecto do 2019 pola pandemia.
A finalidade destas axudas é protexer e apoiar o tecido produtivo e empresarial de Viveiro constituído polas microempresas, pequenas empresas, autónomos, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas sen personalidade xurídica.
A contía destinada polo concello a atender estas subvencións ascende a un importe total de 69.110,00 euros, concedéndose unha cantidade fixa de 850 € a cada beneficiario, ata agotarse o crédito destinado á convocatoria.
Poderán solicitar esta subvención aquelas persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica que tivesen unha alta anterior ao 15.03.2020 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 50% no exercicio 2020 respecto do 2019, ou en caso de alta no primeiro trimestre de 2020, acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 50%, no resto de trimestres de 2020 con respecto ao primeiro trimestre.
Así mesmo, terán dereito a este axuda as actividades que tiveron alta posterior a dita data sempre e cando acrediten a efectividade de gastos para dita apertura con anterioridade ao 15.03.2020. Non poderán acollerse a estas axudas aquelas persoas ou empresas que fosen beneficiarias das axudas concedidas polo Concello de Viveiro en 2020 para actividades que se viran afectas polo peche de establecementos.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro