11
Outubro
CAMIÑO DO MAR
O CONCELLO DE VIVEIRO AVANZA NA PROMOCIÓN DO CAMIÑO DO MAR E CONTARÁ CON CREDENCIAIS DE PEREGRINOS DENDE ESTA FIN DE SEMANA
Viveiro, 8 de outubro de 2021. O Concello de Viveiro reuniuse esta semana coa Asociación del Camino del Mar, co obxectivo de seguir traballando na visibilización desta ruta. Na xuntanza, estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García; a concelleira de Turismo, María Soledad Rey Yáñez e o presidente da Asociación Amigos del Camino del Mar en Peregrinación a Santiago, Manuel Vicente González.
A finalidade desta reunión era seguir traballando e colaborando, como veñen facendo durante anos, pola promoción e divulgación do Camiño do Mar e polo seu recoñecemento como ruta xacobea por parte da Xunta de Galicia.
Nesta xuntanza, acordouse que a Asociación del Camino del Mar porá a disposición do Concello de Viveiro credenciais para que todos aqueles peregrinos/as que o desexen poidan compralas nas dependencias da oficina de Turismo de Viveiro.
Deste modo, dende mañá sábado 9 de outubro, a oficina de Turismo de Viveiro disporá das credenciais para que os peregrinos poidan adquirilas e iniciar o Camiño do Mar a Santiago de Compostela.
Nas próximas semanas, o Concello de Viveiro ten previsto manter unha reunión coas asociacións Centro Comercial Histórico de Viveiro, Beiras de Viveiro e a propia Asociación del Camino del Mar, para trasladarlles información sobre como selar as credenciais aos peregrinos/as que pasan polo municipio.
Ademais, o goberno local recorda que, como xa adiantou en meses anteriores, está a traballar nun selo representativo do Camiño do Mar ao seu paso por Viveiro.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro