Cartas aos REIS MAGOS

CARTAS AOS REIS MAGOS

O CONCELLO DE VIVEIRO LANZA APPS PARA ENVIAR CARTAS AOS REIS MAGOS, CON RESPOSTAS PERSONALIZADAS, E PARA A GYMCANA ‘TRAS OS PASOS DO ELFO’

O goberno local anima aos viveirenses a mandar vídeos felicitando o 2021 para a creación dunha peza audiovisual conxunta 
Viveiro, 10 de decembro de 2020. O Concello de Viveiro animará un Nadal distinto por mor da Covid-19 con tres actividades pensadas para realizar en familia e que cumpren o protocolo de seguridade para evitar contaxios. 
A delegación de Cultura do Concello de Viveiro, que dirixe Lara Fernández, creou unha app para enviar postais reais aos Reis Magos, de xeito que os nenos e nenas do municipio poidan comunicar por carta a Melchor, Gaspar e Baltasar os seus desexos para o 6 de xaneiro. 
Desde o Concello animan ás crianzas a contarlles ás súas Maxestades como lles foi e que fixeron durante un ano tan atípico como o 2020, que propósitos teñen para o 2021 e pedir algún agasallo. As misivas escanearanse ou fotografaranse e subiranse de forma sinxela á web https://www.postaisreais.com/, co 28 de decembro como data límite para facelo. Todos aqueles pequenos e pequenas que participen recibirán unha resposta personalizada dun paxe real designado polos Monarcas de Oriente para a ocasión. 
Por outra banda, a app ‘Tras os Pasos do Elfo’ permitirá a nenos e grandes participar nunha gymcana con actividades tanto online como offline. Trátase dun percorrido cultural que agocha pistas en distintos lugares de Viveiro. Coa primeira delas obterase un código, que permitirá abrir unha das portas da web. Na páxina hai distintas probas e adiviñas -xogos de memoria, puzles, sopas de letras ou quebracabezas- que resolver. A última pista leva ao Elfo, a quen se lle poderá entregar unha carta para un buzón de Papá Noel disposto en colaboración do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV). As dúas aplicacións son gratuítas.
“Temos que adaptarnos á situación derivada da pandemia pero nunca esquecer que o Nadal é un tempo máxico para os nenos e nenas; pasaron un ano complicado e merecen unhas boas festas”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Finalmente, o Concello convida ás familias de Viveiro a mandar un vídeo breve (poñédeslle duración máxima de 15 segundos) felicitando o 2021, coa fin de facer unha peza audiovisual de felicitación de Aninovo conxunta. 
A Concellería de Cultura anima á veciñanza a ser creativa e amosar o seu sentido do humor, ou simplemente a espoñer os seus mellores desexos de cara ao ano que vén. As persoas que queiran participar poden enviar os seus vídeos ao número de whatsapp: 676877799. 
Sen prexuízo da programación cultural de Nadal, estas tres actividades pretenden ofrecer unha alternativa de ocio para grandes e pequenos. Fano tentando manter o espírito familiar e de comunidade e as tradicións do Nadal e evitar as aglomeracións, tal e como recomendan as autoridades sanitarias.
 
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro
  • Máis fotografías

  • Uso de cookies
    Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

    continuar