CARTEL DO ENTROIDO E AS BASES DO CONCURSO DE DISFRACES

CARTEL DO ENTROIDO E AS BASES DO CONCURSO DE DISFRACES

O CONCELLO DE VIVEIRO PUBLICA O CARTEL DO ENTROIDO E AS BASES DO CONCURSO DE DISFRACES

Viveiro, 10 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro presentou esta mañá o cartel do Entroido 2022, unha festividade que recupera tras o parón da pandemia. Tamén se retoma o tradicional o Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido, así como outras actividades para todas as idades. 
 
Nesta edición, o cartel presentado polo Concello de Viveiro é unha oda ás mulleres “entroideiras” da vila, que mesmo en épocas complicadas, saían á rúa cos seus traxes e máscaras. As fotografías son de “Foto Carlos”, sacadas entre 1960 e 1972, e cedidas por África Jiménez, impulsora do Entroido en Viveiro. 
 
As bases do Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido xa están publicadas, establecendo categorías de adultos (carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual) e infantil (individual, parellas e grupos). 
 
O prazo de inscrición ao desfile abrirase o próximo 17 de febreiro e pecharase o 27 do mesmo mes. O Concello de Viveiro concederá premios aos catro mellores participantes en cada categoría, cun premio de 700 euros para a mellor carroza. En total, repartiranse máis de 5.000 premios entre todas as categorías. 
 
Tamén se concederá un premio especial ao humor e á orixinalidade, entre todos os participantes da categoría adultos, ambos doados polo Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. Ademais, o Concello de Viveiro outorgará unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros a cada unha das carrozas participantes no desfile. 
 
 
“A importancia do Entroido en Viveiro esténdese dende a participación da nosa cidadanía ata o atractivo turístico que supón. Non obstante, a prudencia estará presente nesta festa e todas as actividades atenderán aos protocolos sanitarios”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
 
O Concello de Viveiro aínda está a traballar no peche do programa, que recuperará o xoves de comadres, organizado pola Asociación de Comerciantes do Casco Histórico. Tamén se celebrarán sesións vermú o sábado e o domingo, nunha carpa ubicada na Praza Maior. 
 
O programa, que se concretará na vindeira semana, retoma as Alpuxarradas e tamén inclúe festa infantil, así como enterro da sardiña, tanto para a infancia como para os adultos. Por último, está previsto tamén que se celebren diferentes obradoiros e se instalarán inchables para os máis pequenos. 
 
“Esperamos que a cidadanía de Viveiro xa estea a preparar os seus traxes para celebrar o noso Entroido cheo de humor que nos caracteriza como vila”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura. 
 
 
Saúdos, 
Comunicación Concello de Viveiro
 
 
 
Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar