02
Xullo
CONVENIO COA DEPUTACIÓN DE LUGO
O CONCELLO DE VIVEIRO ASINA UN CONVENIO COA DEPUTACIÓN DE LUGO QUE PERMITIRÁ ABONAR AS AXUDAS AOS CLUBES DEPORTIVOS E ASOCIACIÓNS CULTURAIS
Tras as xestións realizadas pola alcaldesa, María Loureiro, o tecido asociativo local poderá cobrar as cantidades previstas para os anos 2023 e 2024.
Viveiro, 29 de xuño de 2024. O Concello de Viveiro asinou un convenio coa Deputación de Lugo que lle permitirá pagar aos clubes deportivos e ás asociacións culturais as cantidades previstas para as anualidades 2023 e 2024.
En concreto, concello e deputación asinaron o convenio ‘Fomento do asociacionismo, acción social e gastos correntes’, por un importe de 1.125.000 euros, dos que 775.000 serán finaciados polo concello e 350.000 pola Deputación.
“Tras meses de xestións pola miña parte coa institución provincial, este acordo é moi importante e nos permite regularizar os pagos a clubes e asociacións, que fan un gran traballo na nosa vila”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Loureiro agradece “a receptividade da Deputación de Lugo e do seu presidente, José Tomé, ás miñas demandas, que son as dos veciños e veciñas de Viveiro”.
O concello levará ao próximo pleno os orzamentos de 2024 e o convenio asinado coa Deputación da resposta ás demandas do grupo Por Viveiro.
O convenio coa Deputación inclúe outras partidas importantes para servizos como a Axuda no Fogar, a limpeza viaria ou o alumeado publico.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro