19
Xaneiro
COVID-19
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DE 267 CASOS POSITIVOS E A XUNTA DECRETA O SUSPENSIÓN DE TODA A ACTIVIDADE NON ESENCIAL NO MUNICIPIO
Viveiro, 19 de xaneiro de 2021. O Concello de Viveiro informa á veciñanza de que, a día de hoxe, hai 267 casos positivos por COVID-19 no municipio, o que implica unha lixeira melloría das cifras de casos activos respecto a onte.
Tras a reunión do Comité Clínico da Xunta de Galicia de onte, acordouse o peche total da hostalaría e a suspensión da actividade non esencial no concello de Viveiro. O goberno local está á espera da publicación destas medidas no Diario Oficial de Galicia para coñecer as circunstancias exactas das novas normas.
Porén, o Concello de Viveiro xa decidiu intensificar as labores de desinfección en zonas comúns, uns traballos que xa se realizaban dende o inicio da pandemia.
Dado o contexto actual, o goberno local reforzará a limpeza en distintas zonas, como rúas, beirarrúas, prazas, paseos... Pero tamén en puntos como os accesos aos centros educativos, centros de saúde, farmacias, banca, comercios e demais establecementos con gran afluencia de xente.
Con este incremento dos traballos de desinfección, o goberno local pretende contribuír a frear a transmisión do virus. Ademais, o Concello de Viveiro continuará realizando as labores de vixilancia e os controis necesarios para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias.
O goberno local considera a situación epidemiolóxica en Viveiro complicada. Polo tanto, o Concello pide á veciñanza que extreme a precaución e o cumprimento das medidas, co fin de frear a cadea de contaxios.
Saúdos,