18
Marzo
COVID-19
O CONCELLO DE VIVEIRO ADAPTA OS SERVIZOS MUNICIPAIS AO NOVO DECRETO DA XUNTA DE MEDIDAS COVID-19
Viveiro, 18 de marzo de 2021. A Xunta de Galicia publicou no día de onte o decreto e a orde autonómica nos que se establecen as novas medidas para facer fronte á crise sanitaria.
No caso dos servizos municipais do Concello de Viveiro, mantéñense as mesmas medidas que xa viñan sendo de aplicación, introducindo como novidade a ampliación do aforo ao 50% tanto na biblioteca como na piscina municipal.
En canto á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados, limítase a un máximo de catro persoas en espazos pechados de uso público e de seis en espazos abertos ou ao aire libre de uso público. En espazos de uso privado, a permanencia de grupos de persoas quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.
Polo que respecta aos establecementos de hostalería e restauración, o aforo das terrazas será do 75% da capacidade máxima permitida e o aforo do interior será do 50%, non podendo prestarse servizo na barra. O horario de peche ao público será ás 21:00 horas; non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 21:30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarase ata as 24:00 horas.
Ante os días festivos que se aproximan, dende o goberno municipal pídese os veciños e veciñas de Viveiro a máxima prudencia e o estrito cumprimento das medidas establecidas para evitar contaxios e a propagación do virus. Unha vez máis, apélase á responsabilidade social para superar xuntos esta situación. “Dentro das nosas competencias e responsabilidades, velaremos por facer cumprir as normas”, engade.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro