15
Xullo
COVID-19
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DE QUE OS CASOS POSITIVOS POR COVID-19 BAIXAN A 11 E DO LEVANTAMENTO DAS LIMITACIONS DE MOBILIDADE
Viveiro, 15 de xullo de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas que, segundo a información facilitada na reunión con Sanidade que tivo lugar na mañá de hoxe, no Concello de Viveiro hai actualmente 11 casos confirmados de COVID-19. Ademais, esta tarde vaise publicar a orde recollendo as novas medidas en relación coa situación epidemióloxica da comarca.
Á espera de que esa orde se publique no Diario Oficial de Galicia, pódese adiantar que se levantarán as limitacións de mobilidade existentes na actualidade nos concellos costeiros, agás no Concello de Burela, onde se manterán as limitacións para entrar e saír.
Consecuentemente, a partir da entrada en vigor da orde referida, os veciños e veciñas de todos os concellos da Mariña, con excepción de Burela, poderán moverse libremente e poderase entrar na comarca (agás ao concello de Burela).
Por outra banda, está previsto que se manteñan todas as medidas de prevención establecidas na Orde do 5 de xullo referidas ao uso de mascarilla sempre e as limitacións de capacidade e medidas específicas por sectores (aforos, horarios, etcétera).
Neste sentido cabe sinalar que, por parte dos alcaldes e alcaldesas, propúxose na reunión de hoxe a ampliación do horario de peche nunha hora, cuestión que non será viable atendendo aos criterios do comité clínico sanitario, que aconsellan o mantemento desta medida durante uns días máis. As medidas que hoxe se publiquen no DOG serán obxecto de revisión no prazo de 5 días.
En todo caso, en canto se publique a orde referida, este concello ten previsto decretar o levantamento das medidas complementarias que se estableceran en virtude da Orde de Sanidade do 5 de xullo.
A previsión neste sentido é que mañá se poidan abrir os parques infantís, os parques biosaudables e as instalacións deportivas municipais; que a totalidade dos baños públicos municipais, incluídos os baños e duchas das praias, se abran o venres; e na bibliteca municipal se presten novamente e a partir de mañá os servizos establecidos dende a súa reapertura, co aforo do 75%.
O Concello de Viveiro considera que o levantamento destas restricións supoñen unha moi boa noticia, “que requiren por parte dos veciños e veciñas e dos visitantes que se continúen mantendo as precaucións e a responsabilidade social para cumprir estritamente todas as medidas de prevención establecidas (uso de mascarilla sempre, coidada hixiene de mans, distancia social...), polo que vamos a ser moi rigorosos para controlar o seu cumprimento”.
As forzas e corpos de seguridade continuarán realizando unha labor de control e vixiancia para garantir, en beneficio de todos, o cumprimento destas medidas. En canto se publique a Orde da Consellería de Sanidade, por parte deste concello informarase do contido do mesmo.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro