04
Novembro
CURSOS AULA UNED 24-25
O CONCELLO DE VIVIERO PRESENTA OS CURSOS DISPOÑIBLES NA AULA DA UNED DA LOCALIDADE PARA ESTE CURSO ACADÉMICO
Mañá, martes 5 de novembro, ás 00:00 da noite, pechará o prazo ordinario de matrícula para o curso 2024/2025
Viveiro, 4 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro e a Universidade Nacional de Educación a Distancia presentaron hoxe os cursos dispoñibles na Aula Universitaria UNED Viveiro para o curso 2024/2025.
O acto celebrouse con motivo do peche mañá, martes 5 de novembro, do prazo ordinario de matrícula na UNED para este curso. O programa UNED Sénior, dirixido a persoas maiores, xa se atopa en funcionamento.
Interviron na presentación o concelleiro de Educación no municipio, Jesús Fernández Fernández, e a responsable da UNED en Viveiro, Milagrosa Ferreira.
O edil destacou na súa intervención que a aula "leva funcionando máis de 20 anos, sendo a primeira aula destas características na provincia de Lugo contando cun destacado percorrido e unha grande proxección a nivel provincial".
Fernández Fernández sinalou que a existencia da aula "supón unha gran oportunidade para a xente que quere ou precisa ir a clase no seu municipio ou para quen non tivo oportunidade de ir á universidade na súa xuventude".
"A aula da UNED de Viveiro conta cun gran abanico de posibilidades para calquera persoa interesada en recibir unha formación universitaria", engade o concelleiro.
Pola súa banda, Milagrosa Ferreira quixo "visibilizar a existencia da aula" tanto para a poboación de Viveiro como dos seus arredores, xa que "a UNED chega a calquera esquina". A responsable da aula puxo en valor os diferentes estudos ofrecidos.
Ferreira destacou tamén o curso de acceso á universidade para maiores de 25 anos, equivalente ao título de bacherelato, ou o acceso para maiores de 45 anos, este só para estudar na UNED. Tamén o programa UNED Sénior, "unha plataforma idónea para persoas maiores de 55 anos con ganas de aprender".
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro