27
Xullo
DE RUADA
O CONCELLO DE VIVEIRO RETOMA NO MES DE AGOSTO ‘DE RUADA’, UN PROXECTO CULTURAL PIONEIRO DE MÚSICA NA RÚA SEN AGLOMERACIÓNS
-A iniciativa, prevista para xullo, foi aprazada polo rebrote de coronavirus na Mariña
Viveiro, 27 de xullo de 2020. O Concello de Viveiro, a través da concellaría de Cultura, retoma no mes de agosto ‘De Ruada’, un novo proxecto que aposta pola cultura de rúa e polo factor sorpresa como medida anti aglomeracións.
‘De Ruada’, co slogan ‘cultura de rúa para a xente das rúas’, tivo que aprazarse no mes de xullo polo rebrote de coronavirus na Mariña e terá lugar os sábados do mes de agosto polas estradas de Viveiro, Celeiro e Covas. Cun formato de pasarrúas, pretende que a cidadanía se atope coa música por sorpresa garantizando a distancia social.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, tras verse na obriga de recolocar os espectáculos de gran formato para o ano próximo e mantendo o compromiso coa cultura e o sector cultural que manifestara durante o confinamento, ven de propor unha alternativa para continuar coa programación cultural do concello, mentres non se retoma a nova normalidade cultural prevista para o outono deste ano.
Así naceu ‘De Ruada’, un proxecto pioneiro que explora outros formatos de facer cultura, de entreter e manter a tradición dunha programación cultural sólida e de calidade no municipio.
“Tendo sempre en conta as recomendacións sanitarias e a necesidade de preservar a saúde, temos que manter a actividade cultural e de ocio durante agosto, polo que apostamos por esta iniciativa de animación das rúas; será unha gran sorpresa para todos”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Para o mes de agosto apostouse pola cultura galega e feita en Galicia, da man de grupos como Organeta, Os Bregadiers, Cé Orquestra Pantasma e Latexo Percusión; que ofrecerán a viveirenses e foráneos unha programación que mixtura os ritmos e instrumentos tradicionais con proposta máis vangardistas e ritmos de swing, jazz e rock&roll.
Ao marxe desta iniciativa, o concello traballa nunha programación alternativa para as datas de agosto nas que Viveiro celebra todos os anos as súas festas, respectando sempre as recomendacións e protocolos sanitarios.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro