![DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE O FUTURO DA PLANTA DE ALCOA EN SAN CIBRAO](https://www.viveiro.es/backoffice/images/original/concello-1-zyzofyeazogcmf.jpg)
10
Xuño
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE O FUTURO DA PLANTA DE ALCOA EN SAN CIBRAO
Ante a información publicada recentemente sobre a intención da multinacional Alcoa de poñer á venda, entre outras, a planta de aluminio que posúe en San Cibrao, na que actualmente traballan 1.300 persoas; tendo en conta o impacto social e económico desta fábrica tanto neste como nos demais municipios da comarca, así como no resto da provincia, e as graves consecuencias da súa destrución ou desestruturación, os membros da Corporación do Concello de Viveiro acordaron realizar a presente declaración institucional:
1. O Concello de Viveiro traslada o seu apoio ás traballadoras e traballadores da planta de Aluminio que a multinacional Alcoa posúe en San Cibrao, e ponse á súa disposición para realizar todas e cantas xestións estean ao seu alcance para garantir os postos de traballo.
2. O Concello de Viveiro manifesta que os arredor de 1.300 empregos directos, máis a cantidade de postos indirectos que xera na contorna empresarial de pequenas empresas da Mariña que supón a planta de aluminio, son fundamentais para a provincia de Lugo e, en particular, para garantir a supervivencia e o futuro da Mariña e das familias que viven nesta Comarca.
3. O Concello de Viveiro insta a todas as institucións públicas a traballar coordinada e continuamente co obxectivo de garantir que ningunha as posibles situacións que se poidan dar afecten aos empregos; que se manteña o número de postos de traballo e as condicións dos mesmos; e se evite que as nosas veciñas e veciños se vexan afectados polas repercusións negativas das decisións empresarias dunha multinacional que actúe en base aos seus propios intereses económicos, sen valorar as consecuencias sociais das mesmas no noso territorio.
4. O Concello de Viveiro insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a realizar todas e cantas xestións sexan necesarias para a permanencia da citada planta de aluminio, entre outras, e para poñer en funcionamento unha tarifa eléctrica galega que permita as industrias e familias abaratar os custes de abastecemento en Galicia, comunidade excedentaria na produción enerxética.
O contido desta declaración, que foi asinada polos representantes dos distintos grupos municipais, será remitido ás partes interesadas nos vindeiros días.
Viveiro, 10 de xuño de 2016.