17
Outubro
DEFICIT DE PERSOAL MÉDICO NO HOSPÌTAL DA MARIÑA
O CONCELLO DE VIVEIRO ADVIRTE “DO DÉFICIT DE PERSOAL MÉDICO QUE SOFRE TAMÉN O HOSPITAL DA MARIÑA”
“A sanidade pública é un servizo público esencial que está en risco en Viveiro e na Mariña”, alerta a alcaldesa, María Loureiro
A alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, advirte de que "as carencias do centro de saúde trasladáronse tamén ao Hospital Público da Mariña, poñendo en risco a saúde dos veciños e veciñas".
“A sanidade pública é un servizo público esencial que está en perigo en Viveiro e na Mariña, pero desgrazadamente non vemos reacción por parte da Xunta”, alerta a alcaldesa.
“O Hospital da Mariña sofre tamén o déficit de persoal médico que ata o de agora afectaba á atención primaria”, sostén pola súa parte Catalina Fernández, concelleira de Benestar Social, Infancia e Saúde de Viveiro.
“A cobertura das urxencias é un problema xa desde hai tempo. Agora outras especialidades tamén sofren este déficit que repercute nos veciños e veciñas da área sanitaria, con listas de espera prolongadas e tendo que ser remitidos en ocasións ao HULA”, engade.
Fernández lamenta que a Xunta “traslade á poboación que os profesionais non queren vir á Mariña, porque isa non é toda a verdade, moitos profesionais vanse do hospital pola sobrecarga de traballo á que están sometidos”.
“Neste momento, a situación en varios servizos é deficitaria e instamos á Xunta a que tome medidas para fidelizar ao persoal facultativo, garantir a cobertura de todas as prazas e brindar aos usuarios a asistencia que se merecen”, remata.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro