09
Xuño
DESEMBARCO DE CARLOS V
O CONCELLO DE VIVEIRO INVOLUCRA Á CIDADANÍA NA REPRESENTACIÓN DO DESEMBARCO DE CARLOS V
Viveiro, 8 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro, a través da área de Cultura, xa está a traballar intensamente na representación do desembarco de Carlos V. Unha cita enmarcada no XIII Mercado Renacentista, que se celebrará do 7 ao 10 de xullo.
Concretamente, a representación do desembarco celebrarase o venres 8 de xullo, unha actividade na que o Concello de Viveiro quere contar coa colaboración da cidadanía. Por iso, animan aos veciños e veciñas a participar na representación, sumándose aos ensaios previos.
As persoas interesadas en formar parte da representación poden apuntarse na Biblioteca Municipal de Viveiro, no teléfono 982 57 06 06, antes do sábado 25 de xuño. A organización contactará con estas persoas para explicar en que consiste o evento, así como os distintos ensaios previos.
“O desembarco diferencia o noso Mercado Renacentista doutras citas similares. Por iso queremos involucrar á veciñanza nesta parte tan sinalada do mercado, recuperando o esplendor da festa”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
A edil agradeceu ademais o labor das persoas que a título individual e as asociacións que colaboraron noutras edicións desta cita. “Grazas ao seu desinteresado traballo, logramos que esta cita diferenciadora sexa cada vez máis importante”, engadiu.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro