21
Abril
DÍA DA DANZA
O CONCELLO DE VIVEIRO CONMEMORA O DÍA DA DANZA CO ESPECTÁCULO “BAILAR AGORA” ESTE SÁBADO 23 DE ABRIL
Viveiro, 20 de abril de 2022. No marco do seu programa cultural para este semestre, o Concello de Viveiro presenta o espectáculo “Bailar Agora”, que se representará esta fin de semana no Teatro Pastor Díaz. A cita busca conmemorar o Día Internacional da Danza, que se celebra o próximo 29 de abril.
A actuación está a cargo da bailarina Marta Alonso Tejada, unha das artistas máis destacadas do panorama actual. O espectáculo “Bailar agora” mestura danza e diálogo, permitindo ao público gozar dunha perspectiva distinta, distinta do programa habitual do Teatro Pastor Díaz.
“A cultura en todas as súas vertentes é para nós unha prioridade de goberno, por iso apostamos por espectáculos en diferentes formatos, como esta oportunidade na danza”, indica María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
A peza, dirixida tamén por Marta Alonso Tejada, foi galardoada nos XXV Premios María Casares 2021 e no Premio “Dorotea Bárcena” FETEGA 2021.
“Invitamos á cidadanía de Viveiro a descubrir outra corrente artística como é a danza e animamos aos afeccionados ao baile a gozar da traxectoria dun referente como Marta Alonso Tejada”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
O espectáculo representarase no Teatro Pastor Díaz o sábado 23 de abril ás 20:30. As entradas poden reservarse no teléfono 982560162 ou en rbg.cultura@viveiro.es O prezo da entrada xeral será de 5 euros e os estudantes e xubilados/as terán unha tarifa de 3 euros.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro