DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O CONCELLO DE VIVEIRO CELEBRA O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO CUN CLUB DE LECTURA EN FEMININO, UN FOTOMATÓN, AGASALLOS NA BIBLIOTECA E UN OBRADOIRO

Viveiro, 22 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro programa diferentes actividades nas vindeiras semanas con motivo do Día de Rosalía de Castro, que se celebra mañá mércores 23 de febreiro, conmemorando o seu nacemento.


 

Sumámonos como Concello un ano máis á celebración desta efeméride, para enxalzar a herdanza literaria de Rosalía de Castro, referente das nosas letras”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.


 

Dunha banda, a ilustración de Rosalía de Castro, feita polo artista viveirense Primitivo Marcos, será a imaxe que empregue o Concello de Viveiro para conmemorar este efeméride.


 

Ademais, aproveitando o día dedicado a esta escritora, o Concello de Viveiro pon en marcha o primeiro club de lectura en feminino. A actividade conta co apoio do Centro de Información á Muller (CIM) e a Biblioteca Municipal de Viveiro.


 

Ninguén mellor que Rosalía de Castro para ser madriña deste club, unha escritora que foi defensora do feminismo nunha complicada época para a muller”, sinala Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura. Doutra banda, todas as persoas que recollan un libro na biblioteca este mércores recibirán un recordo doce desta efeméride.


 

Estas actividades complétanse cunha acción de rúa que permitirá achegar a figura de Rosalía de Castro dun xeito divertido e novidoso. “Entre as 17:00 e as 20:00, estará instalado un fotomatón gratuíto na praza da Fontenova e as persoas que se acheguen recibirán unha frase da nosa autora máis internacional e especial”, explica a edil de Cultura.


 

Ademais, a programación cultural do Teatro Pastor Díaz de Viveiro tamén conta cunha homenaxe á figura de Rosalía de Castro. En abril, representarase a obra “Libre como os paxaros”, de María Barcala, unha obra dedicada á escritora.


 


 

Por último, o Concello de Viveiro informa que o obradoiro “As mulleres que nos constrúen”, dirixido á mocidade para celebrar o Día de Rosalía, celebrarase finalmente os días 5 e 6 de marzo na Sala Multiusos do Concello de Viveiro.


 

A actividade é gratuíta, previa inscrición no teléfono da Biblioteca Municipal de Viveiro: 982570606. O obxectivo desta iniciativa é unir a figura de Rosalía de Castro coa historia das orixes de cada persoa.


 

O obradoiro diríxese a nenos e nenas a partir de 6 anos, para que indaguen na historia das mulleres que forman parte da súa familia. Os participantes afondarán en como as decisións e acontecementos na vida destas mulleres atravesaron o tempo ata chegar ás seguintes xeracións.


 

Saúdos,

Comunicación Concello de Viveiro

 

  • Máis fotografías

  • Uso de cookies
    Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

    continuar