DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O CONCELLO DE VIVEIRO PROPÓN UN PROGRAMA TRANSVERSAL E AO LONGO DE VARIOS MESES CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Viveiro, 18 de novembro de 2022. O Concello de Viveiro, a través da súa concellería de Muller dirixida por Lara Fernández Fernández-Noriega, anuncia a programación con motivo do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero. O programa propón actividades que coinciden cos días próximos á efeméride, pero tamén iniciativas que se desenvolverán ao longo do ano, cun carácter transversal.

 

Dende o Concello de Viveiro temos un firme compromiso coa loita contra a violencia de xénero. O programa deste ano buscar chegar a todas as idades, con especial atención aos centros educativos e á xuventude”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

 

As actividades comezarán o luns 21 de novembro, co obradoiro “Violencia de xénero e novo contexto dixital” ao alumnado de 3º da E.S.O. do I.E.S. Vilar Ponte. O xoves 24 de novembro ás 17:30 na Praza da Habana Vieja será a inauguración do “Banco violeta para a reflexión contra a violencia de xénero”. Durante o acto darase lectura o manifesto elaborado polo grupo de participación xuvenil do Concello de Viveiro e organizarase unha intervención artística.

 

O propio 25 de novembro, día contra a violencia de xénero, organizarase a marcha “En negro contra as violencias”. A marcha sairá de Castelos (Covas) e rematará na Praza Maior de Viveiro, onde se lerá o manifesto institucional. Ademais entregaranse paraugas conmemorativos e chocolate para as persoas asistentes.

 

Tamén haberá citas teatrais, coa obra “Continente María” de Ainé Producciones o martes 29 de novembro e a obra “Fillas Bravas” de Chévere, o sábado 3 de decembro. Ambas representacións serán no Teatro Pastor Díaz ás 20:30.

 

Eventos ao longo de todo o ano

 

As institucións temos a obriga de realizar un traballo de fondo en prol da igualdade, por iso promovemos outras actividades ao longo de todo o ano. Seguiremos esforzándonos en sensibilizar e educar en igualdade”, indica Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Muller.

 

Ademais, co ánimo de facer unha programación transversal e durante todo o ano, o Concello de Viveiro programa unha serie de obradoiros de xaneiro a maio. Deste modo, impartiranse formacións sobre sexualidade nos I.E.S. María Sarmiento e Vilar Ponte, a cargo da sexóloga Raquel Graña.

 

Agradecemos aos centros educativos a súa participación, cremos que é esencial levar á aula o debate da non violencia e a educación sexual”, recorda a responsable de Muller.

 

Tamén se ofrecerá un obradoiro de creación audiovisual contra a violencia de xénero, no que participará o Grupo de Participación Xuvenil. A participación na iniciativa está aberta a todos os adolescentes, con inscrición no 982550421. Neste caso, os participantes poderán realizar curtas cos móbiles dende a perspectiva de xénero.

 

Por último, no relativo á lectura, ofrécese de novembro de 2022 a xuño de 2023 o club de lectura en feminino, dinamizado por Estíbalez Veiga. Ademais, na Biblioteca Municipal de Viveiro, crearase o “Recanto Violeta”.

 

Saúdos,

Comunicación Concello de Viveiro

 

  • Máis fotografías

  • Uso de cookies
    Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

    continuar