31
Marzo
DIARIO SARMIENTO
A ALCALDESA DE VIVEIRO ASISTE Á PRESENTACIÓN DO PROXECTO ‘DIARIO SARMIENTO’ NO IES MARÍA SARMIENTO
Viveiro, 30 de marzo de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asistiu hoxe no IES María Sarmiento á presentación do proxecto ‘Diario Sarmiento’, un acto no que tamén estivo María Carmen Gueimunde, responsable da Xefatura Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación y Universidade da Xunta de Galicia.
No curso 2020-2021, o grupo de traballo Peripatéticos Viveirenses do centro resultaba gañador a nivel nacional do programa Youth4Good promovido pola Fundación Vodafone, presentando unha ferramenta tecnolóxica como solución ao reto do bullying nos centros escolares.
O premio alcanzado supoñía 5.000 euros para facer realidade o proxecto. O grupo gañador remataba xusto ese curso os seus estudos no centro, co que se facía preciso que outro alumnado asumise o relevo e retomase o proxecto para darlle continuidade.
Os colectivos encargados de continuar coa iniciativa foron Las Grandiosas Tigresas Barbudas (LGTB) e O Alumnado Axudante (AAA), coa coordinación dos mestres Alicia Yáñez e Francisco Basanta.
“Quero agradecer o traballo e a implicación do conxunto da comunidade educativa, das profesoras, profesores e do equipo directivo do IES María Sarmiento, que comparten a filosofía desta e outras iniciativas e traballan moi duro cada día para educar aos nosos fillos e fillas”, afirma a alcaldesa.
“Grazas tamén á Fundación Vodafone, a Lucas Requejo, sempre disposto a colaborar co noso concello en diferentes iniciativas, e por suposto aos alumnos e alumnas que participaron coas súas ideas, que reflicten o ben que coñecen a sociedade actual e os problemas que teñen como mozos e mozas”, apuntou Loureiro.
Para o Concello de Viveiro, “este programa é moi interesante, porque os alumnos e alumnas participantes convertense en axentes do cambio social, creando sempre da man da innovación ferramentas e solucións para mellorar o seu entorno”.
“Trátase en definitiva dunha boa iniciativa para contribuír á educación e a formación dos nosos mozos e mozas, o cal é unha prioridade por suposto para o Concello de Viveiro”, engadiu a alcaldesa.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro