17
Febreiro
ENTROIDO
O CONCELLO DE VIVEIRO INICIARÁ O SEU PROGRAMA DE ENTROIDO O PRÓXIMO XOVES 24 CON ACTIVIDADES PARA TODAS AS IDADES
Viveiro, 16 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro anuncia os detalles do programa do Entroido 2022, cuxos eventos comezarán o próximo xoves 24 de febreiro e rematarán o mércores 2 de marzo. O goberno local recupera así esta festa, tras a mellora epidemiolóxica, contando de novo co tradicional Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido, cuxas inscricións abren este venres.
O programa de actividades retoma as Alpuxarradas e o enterro da sardiña, ademais de obradoiros e inchables para a infancia, un scape room e diferentes eventos con música en directo.
A programación comezará o xoves 24 co “Juepeo especial de comadres”, nos locais de hostalaría do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. O sábado 26 será o momento da “Troula de Entroido”, ás 13:30 amenizada polo grupo musical “Los Alcántara”, na carpa da Praza Maior.
O mesmo sábado, ás 20:30, será o certame de “Alpuxarradas”, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro e presentado polo actor Pedro Brandariz. As entradas, cun custe de 2 euros, reservaranse no teléfono 982560162 ou no e-mail: rbg.cultura@viveiro.es
O domingo 27 será o turno da “Troula de Entroido”, ás 13:30 co grupo musical “Vivarium” na Praza Maior de Viveiro. Nesa xornada tamén se instalarán inchables para a rapazada a partir das 17:30.
O domingo 27 e o luns 28 de febreiro celebrarase o obradoiro “Imos facer a Parrochiña”. Ambos días haberá dous grupos, de 11:00 a 12:00 para a infancia e de 12:30 a 13:30 a partir de 6 anos. As prazas deberán reservarse no teléfono 654208333.
O luns 28, organizarase ás 16:30 o “Scape Room” do grupo de participación xuvenil de Viveiro, unha actividade gratuíta no Polideportivo Antonio Tarrío e cuxas inscricións se xestionan no teléfono 676816090. Tamén o luns celebrarase a festa infantil “Enredos de Entroido”, na carpa da Praza Maior ás 17:30.
O martes, 1 de marzo, de 13:30 a 18:00 estará a “DiscoTroula de Entroido”, na Praza Maior. Ás 17:30 sairá o Gran Desfile de Entroido, que finalizará tamén na Praza Maior.
O mércores 2 de marzo finalizarán os festexos de Entroido co enterro da sardiña. Esta festa terá versión infantil, ás 18:30, onde os nenos nenas recibirá chocolate con churros. A versión adulta do enterro da sardiña será ás 21:00, amenizada pola charanga “SantaCompaña” e con reparto de bolos preñados e viño.
As bases do Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido xa están publicadas, establecendo categorías de adultos (carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual) e infantil (individual, parellas e grupos).
O prazo de inscrición ao desfile abrirase o mañá xoves 17 de febreiro e pecharase o 27 do mesmo mes. O Concello de Viveiro concederá premios aos catro mellores participantes en cada categoría, cun premio de 700 euros para a mellor carroza. En total, repartiranse máis de 5.000 premios entre todas as categorías.
Tamén se concederá un premio especial ao humor e á orixinalidade, entre todos os participantes da categoría adultos, ambos doados polo Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro. Ademais, o Concello de Viveiro outorgará unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros a cada unha das carrozas participantes no desfile.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro