19
Marzo
ESTABILIDADE ORZAMENTARIA
O CONCELLO DE VIVEIRO PECHA O ANO 2021 CON ESTABILIDADE ORZAMENTARIA E CAPACIDADE DE FINACIAMENTO, CUMPRINDO A REGRA DE GASTO E CUN PERIODO MEDIO DE PAGO DE 3,15 DÍAS
Viveiro, 18 de marzo de 2021. O pleno do Concello de Viveiro incluía na súa orde do día a dación de conta da liquidación do orzamento municipal de 2021, en cumprimento da Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira.
A liquidación do orzamento xeral do exercicio 2021 do Concello de Viveiro cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, cunha capacidade de financiamento de 1.178.728,15 euros.
“Dende o equipo de goberno mostrámonos satisfeitos cos datos acadados e o balance económico de 2021, considerando que é a liña a seguir para ir rebaixando débeda mantendo todos os servizos municipais e acometendo melloras para mellorar a vida dos noso veciños e veciñas”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Polo que respecta á regra de gasto, aínda que quedou suspendida por mor da pandemia para os exercicios 2020-2021, faise constar no informe de intervención que o concello cumpre esta regra, ao ser a diferencia entre o gasto computable do exercicio de 10.360.628,05 € e o gasto máximo de 11.885.555,12 € (segundo o Plan Económico Financeiro, 1.524.927,07 €, o que representa unha variación do gasto computable 2021/2020 de -0,92%).
Así mesmo, o período medio de pago do Concello de Viveiro do cuarto trimestre foi de 3,15 días, segundo a metodoloxía do Real Decreto 635/2014, e de 25,49 días segundo a normativa de morosidade.
“Quero agradecer o esforzo por parte dos departamentos de Intervención e Tesourería, debido ao elevado numero de movementos e operacións, para poder cumprir cos preceptos indicados”, afirma Jesús Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Facenda.
Por outra banda, tamén se cumpre co Plan de Saneamento aprobado o 7 de abril de 2017, cun aforro neto positivo de 339.811,57 €, un aforro bruto positivo de 1.525.206,11 € e un remanente de tesourería para gastos xerais de 874.446,14 €.
Finalmente, tamén se cumpre co límite de débeda pública, cunha débeda vida que ascende a 9,3 millóns, que supón o 68,96% dos ingresos correntes (por debaixo do 75% máximo admitido).
Esta liquidación formará parte da Conta Xeral, expresión financeira da contabilidade orzamentaria, sendo obrigación formal render contas á xestión realizada nos aspectos económico, financeiro, patrimonial e orzamentario. Trátase dun acto esencial para a fiscalización por parte dos órganos de control externo.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro