21
Xaneiro
FITUR
O CONCELLO DE VIVEIRO PROMOCIONA EN FITUR O SEU PATRIMONIO HISTÓRICO E NATURAL, CONSOLIDÁNDOSE COMO UN DESTINO TURÍSTICO DE CALIDADE DURANTE TODO O ANO
Viveiro, 20 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro está presente na edición 2022 de FITUR para promocionar o seu patrimonio histórico e natural nunha das principais feiras de turismo europeas, co obxectivo final de consolidalo como un destino de calidade durante os doce meses do ano.
“Viveiro ten este ano un papel relevante na feira, xa temos pechadas diferentes xestións e reunións con touroperadores internacionais e outros axentes do sector, hai moito interese no noso potencial paisaxístico, cultural e de natureza”, asegura a alcaldesa, María Loureiro, presente en Fitur xunto a Jesús Fernández, teniente de alcalde, e Marisol Rey, concelleira de Turismo.
Os destinos de natureza como Viveiro teñen cada vez máis demanda e o concello ofrece ademais aos visitantes un elevado patrimonio cultural e histórico, unha variada gastronomía, a Semana Santa e outros eventos xa consolidados ao longo do ano.
“Cada ano notamos un maior interese por Viveiro e por toda a comarca da Mariña Lucense, por iso é moi importante para o noso concello estar en Fitur”, engade Loureiro.
Esta tarde, os representantes do concello asistiron á presentación de ‘Lugo, Provincia de cine’, a nova campaña de turismo da Deputación de Lugo.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro