07
Setembro
GRAN COLABORACIÓN NA RECOLLIDA DE RESIDUOS DO NASEIRO
A CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE DE VIVEIRO AGRADECE Á VECIÑANZA "A GRAN COLABORACIÓN CIDADÁ NA RECOLLIDA DE RESIDUOS DA ROMARÍA DO NASEIRO"
Viveiro, 7 de setembro de 2024. A Concellería de Medio Ambiente de Viveiro agradece á veciñanza "a gran colaboración cidadá na recollida de residuos da Romaría do Naseiro, unha das celebracións máis destacadas e concorridas do municipio.
"Dende a área de Medio Ambiente queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os romeiros e romeiras que participaron na Romaría do Naseiro polo seu compromiso", sinala a concelleira Míriam Bermúdez.
A tamén tenenta de alcaldesa de Viveiro afirma que, "grazas á colaboración cidadá, foi posible apilar os enseres con orde na marxe da estrada, o que facilitou en gran medida as tarefas de recollida e limpeza posteriores ao evento".
En todo caso, Bermúdez destaca que se está detectando "a aparición de enseres que inicialmente non estaban despois da romaría". "Isto indica que se están a depositar novos residuos que non pertencen ao evento, polo que pregamos á cidadanía que cese esta práctica e utilice correctamente o servizo de punto limpo ou a recollida de enseres a domicilio", apunta.
Dende os días previos a Naseiro, colocáronse un total de 80 contedores, xunto con 3 específicos para o vidro, que foron baleirados todos os días. Nos días posteriores á celebración, foron recollidas máis de 10 toneladas de madeira, un total de 10.710 kg. Tamén 5.250 kg de enseres voluminosos, e foron indentificadas 38 unidades de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), como neveiras e televisores.
Realizouse un varrido manual das zonas comúns, como o campo da festa, o campo das atraccións, a zona de aseos, as áreas próximas ao río e a estrada inferior. Estes traballos realizáronse a primeira hora da mañá, con persoal suficiente para completar a limpeza antes da chegada do público á sesión vermut.
Ademais, o mércores e xoves colocáronse contedores de 30m³ para a recollida de residuos de gran volume, especialmente madeira e voluminosos. A recollida dos RAEE realizouse cun camión pequeno dotado de plataforma. "Todo isto permitiu manter a contorna natural do Naseiro en bo estado e evitar a acumulación de residuos", indicou a tenenta de alcaldesa.
"Estas tarefas desenvolvéronse de maneira eficiente, permitindo manter a contorna natural do Naseiro en bo estado e evitar a acumulación de residuos", subliña a concelleira. "Queremos agradecer unha vez máis a todos os romeiros e romeiras a súa colaboración e responsabilidade ambiental", conclúe.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro