03
Outubro
I DÍA DA REDE EUROPEA DE SEMANA SANTA
O CONCELLO DE VIVEIRO CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA O I DÍA DA REDE EUROPEA DE SEMANA SANTA
O Concello de Viveiro súmase á celebración do I Día da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, programado para esta fin de semana, días 1 e 2 de outubro.
A iniciativa está organizada pola propia Rede Europea, da que Viveiro forma parte. A cita nace con carácter anual para dar a coñecer os valores culturais tanxibles e intanxibles da Semana Santa, fóra da súa época de celebración, ademais de ofrecer unha oferta turística e cultural para a poboación local e visitante.
Durante o sábado e o domingo, cada localidade membro da Rede organiza actividades que se desenvolverán de forma simultánea en todos os lugares adheridos á mesma. En total, celébranse nas distintas cidades máis dunha trintena de actividades.
Concretamente, Viveiro acollerá esta fin de semana unha exposición sobre a Semana Santa de Viveiro, con entrada de balde na Igrexa de San Francisco en horario de 10.00 a 22.00.
Tamén ambos días, e no mesmo horario, organizarase unha xornada de portas abertas ao claustro de San Francisco e á sede da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade. A entrada tamén é de balde.
O sábado 1 de outubro, ás 20.30, celebrarase un concerto de marchas procesionais, con entrada gratuíta, nos claustros da Igrexa de San Francisco. Por último, durante toda a fin de semana será posible visitar a exposición de indumentaria e unha proxección de vídeos da Semana Santa de Viveiro na súa oficina de turismo.
O programa completo de actividades está dispoñible en: https://loom.ly/bPRh4GY