
25
Febreiro
INSTALACIÓN DE 10 VITRINAS INFORMATIVAS
O CONCELLO DE VIVEIRO INSTALARÁ 10 VITRINAS INFORMATIVAS NAS PARROQUIAS RURAIS
- - Unha iniciativa para achegar a información municipal á veciñanza e dinamizar a vida comunitaria
Viveiro, 25 de marzo de 2025. Co obxectivo de mellorar a comunicación coas parroquias rurais e dinamizar a súa vida social e cultural, o Concello de Viveiro, a través da Tenencia de Alcaldía e a Área de Medio Rural, pon en marcha o proxecto "Vitrinas Informativas para o Rural Viveirense". Unha iniciativa que permitirá a instalación de 10 vitrinas informativas en diferentes puntos estratéxicos do municipio.
Estas vitrinas colocaranse en espazos de referencia para a comunidade, como antigas escolas, facilitando o acceso da veciñanza á información municipal e servindo como soporte para a difusión de actividades, eventos e anuncios das asociacións locais.
Este proxecto conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía e da Área de Medio Rural do Concello de Viveiro, así como da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Os lugares de instalación das vitrinas serán:
- Landrove (Vial 778)
- Chavín (Vial 1110)
- Valcarría (Vial 1063)
- San Pedro (Escola vella)
- Magazos (Escola vella)
- Xunqueira (Vial 161)
- Galdo (Escola vella)
- Vieiro (Escola vella)
- Celeiro (Escola vella)
- Faro (Escola vella)
Esta iniciativa responde “á necesidade de fortalecer a conexión entre o Concello e as parroquias rurais, onde a dispersión poboacional dificulta o acceso á información. As vitrinas permitirán reforzar o tecido asociativo, promover as actividades locais e dar visibilidade ao sector primario, poñendo en valor a importancia da agricultura e da gandaría no desenvolvemento económico e social de Viveiro”, explicaba Miriam Bermúdez, tenente da alcaldesa.
Saúdos, Comunicación de Viveiro.