Medidas adicionais covid-19

MEDIDAS ADICIONAIS COVID-19

O CONCELLO DE VIVEIRO ADOPTA MEDIDAS ADICIONAIS ÁS DECRETADAS POLA XUNTA PARA PRESERVAR A SEGURIDADE E A SAÚDE PÚBLICA

Viveiro, 6 de xullo de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas das medidas que vén de acordar, como complementarias ás decretadas onte pola Consellería de Sanidade da Xunta, pola evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19.

 

Estas medidas foron consensuadas cos voceiros dos grupos políticos con representación municipal na reunión que tivo lugar no día de hoxe, ás 9:30 horas. Aínda que Viveiro non é dos concellos nos que máis casos hai, enténdese que é necesario extremar as medidas de prevención, cumprindo e facendo cumprir as medidas excepcionais establecidas co obxectivo de atallar este brote canto antes.

 

De momento, segundo os datos que temos, non hai un foco aquí en Viveiro nin hai moitos positivos, pero hai que ter en conta que se están facendo moitos test e que hai moita xente confinada nos seus domicilios á espera de que se lle fagan as probas, polo que é posible que os casos poidan aumentar e, polo tanto, faise necesario adoptar medidas preventivas.

 

A día de hoxe, segundo información facilitada polo Conselleiro de Sanidade, no Concello de Viveiro hai 6 positivos activos. Consecuentemente, en aras a preservar a seguridade e saúde pública, o Concello de Viveiro vén de acordar as seguintes medidas.

 

I.- Acordar o peche dos parques infantís e biosaudables municipais.

 

II.- Acordar o peche das instalacións deportivas municipais.

 

III.-Acordar o peche da totalidade dos baños públicos municipais, incluídos os baños e duchas existentes nas praias do municipio.

 

IV.-Reducir o aforo da biblioteca pública municipal ao 50%, establecendo como únicas actividades permitidas na mesma o estudo en sala e o uso dos ordenadores, debendo cumprirse coa distancia interpersoal e aforo establecido.

 

V.- Limitar a capacidade das terrazas ao 50%, segundo o establecido no punto 3.8.3 do Anexo da Orde do 5 de xullo da Consellería de Sanidade da Xunta.

 

VI.- Encomendar a Protección Civil e á Policía Local, coa colaboración dos socorristas existentes en cada praia, o control dos accesos e capacidade das praias, co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios, procedéndose ao peche dos areais no suposto en que se detecten aglomeracións, ou incumprimento dos requisitos de capacidade e/ou distancia mínima interpersoal. A efectos de información á cidadanía e para facilitar o control,colocaranse carteis informativos do aforo máximo permitido en cada un dos areais.

 

Estas medidas complementan as adoptadas na Orde de 5 xullo da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que son na súa totalidade de obrigado cumprimento para o conxunto da cidadanía, apelando dende esta administración á colaboración e responsabilidade de cada un dos veciños e veciñas, xa que se trata de adoptar actitudes responsables para intentar evitar contaxios e conseguir controlar e minimizar os efectos do rebrote actual da enfermidade na Mariña, apelando así mesmo á comprensión das molestias que estas medidas poidan ocasionar na vida diaria dos cidadáns.

 

Ademais, en virtude do establecido na ORDE do 5 de xullo de 2020, quérese informar á veciñanza dalgunhas das medidas incluídas na mesma:

 

-      Limítase a asistencia a velorios e enterros a 25 persoas en espazos ao aire libre ou 10 en espazos pechados.

 

-      A asistencia a lugares de culto non poderá superar o 50%  da súa capacidade.

 

-      Ás cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civis que se leven a cabo en lugares de culto aplicanselle estas regras de capacidade. Nas celebracións que puidesen ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración deberase respectar un máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechados.

 

-      Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais non poderán superar o 50% da súa capacidade total.

 

-      Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o 50 % da súa capacidade para consumo no interior do local, que só se poderá realizar sentado en mesa e mantendo a distancia de seguridade. Estes establecementos deben pechar non máis tarde das 23:30 horas, cun período máximo de desaloxo de trinta minutos.

 

Polo que respecta ao mercado semanal dos xoves, este mantense na súa ubicación temporal actual, tendo en conta que nesta localización conta cunha maior superficie que pemite que poidan colocarse os mesmos postos que ata este momento.

 

Dende o Concello de Viveiro apélase á concienciación e responsabilidade de cada veciño e veciña para o cumprimento das medidas de prevención establecidas para intentar evitar a produción de contaxios e controlar á maior brevidade posible o actual brote da enfermidade, indicando que tanto a Policía Local como as Forzas e Corpos de Seguridade se encargarán de controlar o cumprimento destas indicacións.

 

Atendendo á evolución do brote existente na Mariña, faise preciso extremar as precaucións e lembrar que é necesario utilizar a mascarilla sempre, manter unha coidada hixiene de mans e gardar a distancia interpersoal.

 

Dende o goberno municipal queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade, ao tempo que se solicita ao todos os veciños e veciñas o cumprimento estricto das limitacións e recomendacións establecidas pola Consellería de Sanidade na Orde do día 5 de xuño e por este Concello, mediante decreto, no día de hoxe.

 

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar