15
Novembro
MELLORA DA ESTRADA DA GAÑIDOIRA LU-540
O CONCELLO DE VIVEIRO E A XUNTA VISITAN A ZONA NA QUE SE REALIZARÁN AS OBRAS DE MELLORA DA ESTRADA DA GAÑIDOIRA, A LU-540
A conselleira María Martínez Allegue acudiu á zona xunto a alcaldesa María Loureiro, a tenenta de alcaldesa Miriam Bermúdez e o segundo tenente de alcaldesa Jesús Fernández Fernández
Viveiro, 15 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro recibiu hoxe a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, para desprazarse á zona na que se realizarán as obras de mellora da capacidade e a seguridade na estrada da Gañidoira, a LU-540.
A conselleira acudiu ao lugar en compañía da alcaldesa María Loureiro, así como da tenenta de alcaldesa e responsable da área de Obras, Miriam Bermúdez, e o segundo tenente de alcaldesa e responsable de Economía e Facenda, Jesús Fernández Fernández.
Tamén estiveron presentes os membros da corporación municipal Manolo Galdo, de Por Viveiro, e Mariña Gueimunde, Martín Vale Cobo e Domingo González do Partido Popular.
A principios do pasado mes de outubro comezaron as primeras rozas para levar a cabo un proxecto de mellora cuxo orzamento total supera os 7,2 millóns de euros.
A intervención permitirá dotar dun terceiro carril ao tramo interurbano na Arredoada, pasando Landrove, e rectificar curvas. Isto reducirá o tempo de viaxe e aumentará a seguridade, facendo posible a circulación a 90 km por hora en todo o vial.
María Loureiro destacou que "a renovación desta estrada era unha reivindicación que levamos moito tempo facendo dende o Concello".
Miriam Bermúdez incidiu "na importancia da mellora das prestacións da vía, facéndoa máis eficiente e segura para todas as persoas usuarias".
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro