MOCHILAS VIBRATORIAS

MOCHILAS VIBRATORIAS

O CONCELLO DE VIVEIRO E A FUNDACIÓN ‘LA CAIXA’ ADQUIREN CINCO MOCHILAS VIBRATORIAS PARA GARANTIZAR A ACCESIBILIDADE DA COMUNIDADE XORDA Á PROGRAMACIÓN CULTURAL

Viveiro, 7 de abril de 2021. O Concello de Viveiro, a través da súa Concellería de Cultura, asinou un convenio de colaboración coa Fundación ‘La Caixa’ e CaixaBank para a adquisición de cinco mochilas vibratorias Subpac que garantizan a accesibilidade da comunidade xorda á programación cultural municipal.

 

Ao acto de presentación asistiron por parte do concello María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura; e Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social; e por parte de Caixabank Elena Rodríguez Ferreiro; Marcos Lloves (director da oficina de Viveiro), e Gonzalo Balseiro. Estiveron tamén Miriam Aller Álvarez (intérprete de entresignos) e Fabián Ben (productor de Superarte).

 

O evento estivo ademais apadriñado por membros da familia Vázquez TV, Mari Carmen Villar Mato e José Vázquez Gabieiro, unha familia influencer e divulgadores da comunidade xorda cuxo membro máis novo, Iván Vázquez, xa fora embaixador do II Certame de teatro feito por persoas con diversidade funcional, Superarte.

 

A experiencia de Superarte abriunos unha porta á diversidade funcional e foi a orixe dun proxecto máis ambicioso, ‘Viveiro Inclúe’, que aspira a facer do noso concello un lugar accesible para as persoas con diferentes tipos de diversidades funcionais, cognitivas ou psicolóxicas; dentro deste proxecto global propuxemos á Fundación ‘La Caixa’ e CaixaBank a adquisición destas mochilas vibratorias”, explicou a concelleira Lara Fernández.

 

Pola súa parte, a alcaldesa de Viveiro lembrou “a nosa amplia e variada programación cultural, polo que este equipo de mochilas vibratorias é un paso adiante fundamental para facer accesible dita programación ás persoas xordas ou con algún tipo de disfunción auditiva, dándolles visibilidade, concienciando á sociedade e facilitando a súa interacción coa contorna”.

 

As mochilas vibratorias transmiten a música mediante vibracións, facilitando así que as persoas xordas ou con disfuncións auditivas tamén poidan vibrar nos concertos. Son unha das ferramentas que poden achegar a cultura, e neste caso a música, ás persoas con discapacidade auditiva, permitíndolles gozar dela doutra forma pero en igualdade de condicións que calquera outra persoa.

 

Con motivo da presentación das mochilas vibratorias, a Concellaría de Cultura creou tamén un programa de sensibilización coa lingua de signos (LSE) a través dun contacontos en LSE e un curso online de formación en lingua de signos de 40 horas.

 

Como alcaldesa, estou especialmente satisfeita e orgullosa de ver como este tipo de iniciativas se levan cabo, xa que este obxectivo de ser un Concello inclusivo é unha das prioridades para o noso grupo de goberno”, rematou María Loureiro.

 

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

 

  • Máis fotografías

  • Uso de cookies
    Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

    continuar