NIVEL DE ALERTA 2 POLO CORONAVIRUS

NIVEL DE ALERTA 2 POLO CORONAVIRUS

O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA A VECIÑANZA DE QUE O MUNICIPIO ENTRE NUN NIVEL DE ALERTA 2 POLO CORONAVIRUS E PECHARÁ OS PARQUES INFANTÍS E OS BAÑOS PÚBLICOS PARA REDUCIR O RISCO DE CONTAXIO

Viveiro, 26 de outubro de 2020. A Alcaldía do Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas das medidas decretadas no día de hoxe, tendo en conta que o municipio entrou en nivel de alerta 2 por Covid-19.

 

As medidas aprobadas hoxe polo concello, que entran en vigor mañá ás 08:00 horas, inclúen o peche dos parques infantís municipais e dos baños públicos municipais, apelando á colaboración dos veciños e veciñas no cumprimento das medidas decretadas, que contan cun carácter preventivo para facer fronte á expansión da enfermidade. A súa aplicación non debe xerar inquietude social, xa que se trata de adoptar actitudes responsables para intentar evitar contaxios.

 

Estase, ademais, á espera de coñecer as medidas extraordinarias que a Xunta de Galicia adopte despois de que o Goberno decretase, no día de onte, o Estado de Alarma, para decretar por parte do concello as medidas adicionais necesarias para adaptarse á nova normativa.

 

Por outra parte, o mércores o concello dará a coñecer as medidas especiais que se establecerán para o cemiterio con motivo da celebración do Día de Defuntos, co fin de preservar a saúde pública, tras a reunión convocada ao efecto con técnicos, policía local e protección civil.

 

Segundo a información facilitada na última hora do día de onte, no noso municipio compútanse un total de 20 casos positivos, que evolucionan favorablemente e que están moi controlados.

 

Finalmente, o goberno municipal lembra que seguen activas as medidas aprobadas o pasado venres tras a Orde da Xunta de Galicia. Son as seguintes:

 

- Suspéndese a totalidade de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras no termo municipal de Viveiro.

 

- Aplícanse as restricións establecidas con respecto aos mercados que teñen lugar no termo municipal de Viveiro.

 

- Con respecto aos establecementos de hostalería e restauración, limítase a capacidade das terrazas ao 75%. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, debendo gardar a distancia de seguridade interpersoal.

 

No interior dos locais limítase a súa capacidade ao 50%, non se permite o consumo en barra e deberá asegurarse o mantemento da distancia interpersoal entre clientes.

 

- Limítase o aforo da biblioteca municipal ao 50%. As actividades culturais que se realicen neste espazo non poderán superar o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía, establecendo as medidas necesarias para manter a distancia interpersoal.  Estas medidas tamén serán de aplicación para o arquivo, salas de exposicións e outros equipamentos culturais do Concello que non conten con regulación específica.

 

- Limítase o aforo do Teatro Pastor Díaz ao 50%, non podendo en ningún caso superar as 60 persoas. Así mesmo limítase o aforo dos espazos públicos municipais ao aire libre, para a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas ao 50%, sempre que o público permaneza sentado e cun máximo de cento cincuenta persoas.

 

 

- A práctica deportiva non federada ao aire libre en instalacións municipais poderá realizarse de forma individual ou colectiva sen contacto físico. No suposto da práctica colectiva o máximo será de cinco persoas excluído o monitor. Nas instalacións deportivas pechadas limítase o aforo ao 50% e os grupos non poderán superar o máximo de 5 persoas sen contar o monitor.

 

Os eventos deportivos, competicións ou celebracións deportivas en espazos municipais poderán desenvolverse con público cunha limitación de aforo do 50% e sempre que o público permaneza sentado, e co límite máximo de 60 persoas en lugares pechados e 150 ao aire libre.

 

Esta limitación non se aplicará á práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos.

 

- Limítase o aforo da piscina municipal ao 50%, sen que poida excederse do límite de cen persoas. A situación dos obxectos persoais levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade. Exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas piscinas e praias. Aplicarase o límite de cinco persoas por grupo para actividades colectivas, excluido o monitor.

 

- Limítase o aforo dos centros sociais ao 50%. As actividades socioculturais de tipo grupal non poderán exceder dun máximo de cinco persoas incluído o monitor ou guía.

 

- Limítase o aforo das instalacións municipais para a celebración de congresos, encontros, reunións, conferencias, eventos e actos similares ao 50% do aforo e cun límite máximo de 60 persoas, debendo en todo caso respectarse as distancias de seguridade interpersoal.

 

- A todas as actividades que se desenvolvan en espazos de titularidade municipal non especificadas no presente Decreto, e que resulten permitidas, resultaralles de aplicación a limitación de grupos máximos de cinco persoas, excepto no caso de persoas convivintes. Non será aplicable esta limitación no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

 

O concello fai fincapé na necesidade de non baixar a garda, de extremar as precaucións e cumprir estritamente as medidas de seguridade establecidas, agradecendo a todos os veciños e veciñas a súa responsabilidade social e os esforzos realizados en beneficio da saúde pública.

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar