14
Novembro
NOVAS LUMINARIAS LED NO POLÍGONO DE LANDROVE
O POLÍGONO DE LANDROVE CONTA CON NOVAS LUMINARIAS LED PARA MELLORAR A VISIBILIDADE E O AFORRO
Viveiro, 14 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Obras e Comercio do Concello de Viveiro, lideradas por Míriam Bermúdez García e Iria Cotelo, respectivamente, anunciaron a finalización de importantes actuacións no Polígono Industrial de Landrove.
O proxecto de "Mellora de Eficiencia Enerxética en Instalación de Alumeado Público", financiado ao 80% pola Xunta de Galicia, cun investimento total de 30.108,30 € (IVE incluído), incluíu o suministro e a instalación de 52 luminarias LED de alta eficiencia, así como a modernización dos báculos metálicos de 9 metros de altura, logrando un aforro enerxético e unha iluminación máis eficiente.
A concesión da subvención foi comunicada ao Concello o pasado 1 de novembro con prazo de execución e xustificación antes do 15 de novembro.
Ademais, como parte da aposta do Concello por mellorar o Polígono Industrial de Landrove e atender eivas necesarias, a Tenencia de Alcaldía impulsou un proxecto adicional de mellora da sinalización viaria. Estes traballos incluíron o repintado de pasos de peóns e a instalación de sinais viarias de ceda ao paso e stop, utilizando pintura de alta visibilidade con microesferas de vidro, para reforzar a seguridade nas vías internas do polígono.
A tenenta de alcaldía, Míriam Bermúdez, destacou: "Queremos asegurar que o Polígono de Landrove conte cunha sinalización moderna que facilite a circulación segura e ordenada, promovendo un ambiente de traballo máis seguro para todas as persoas que acceden á zona". Iria Cotelo subliñou que "a mellora da iluminación e da sinalización reforzou a competitividade do polígono industrial, facendo del un espazo máis eficiente e seguro para a actividade empresarial".
Por outra parte, comunicar que queda pendente a reposición de 600 metros de cable que foron roubados, o que provocou que unha das rúas do polígono permaneza ás escuras. Estamos a traballar para coordinar os traballos necesarios na maior brevidade posible e restablecer a iluminación nesta área afectada.
Estas actuacións enmárcanse dentro do plan para manter e mellorar as infraestruturas municipais, consolidando o Polígono Industrial de Landrove como un espazo eficiente, moderno e seguro tanto para empresas como para persoas usuarias.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro