28
Outubro
O CONCELLO DE VIVEIRO ASINA COA DEPUTACIÓN DE LUGO UN CONVENIO POLO QUE RECIBIRÁ UNHA ACHEGA DE 150.000 EUROS PARA DOTACIÓNS PÚBLICAS E PROMOCIÓN TURÍSTICA
O CONCELLO DE VIVEIRO ASINA COA DEPUTACIÓN DE LUGO UN CONVENIO POLO QUE RECIBIRÁ UNHA ACHEGA DE 150.000 EUROS PARA DOTACIÓNS PÚBLICAS E PROMOCIÓN TURÍSTICA
Viveiro, 28 de outubro de 2020. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, polo cal a institución provincial destina 150.000 euros ao concello para o mantemento de infraestruturas e servizos públicos, así como para a promoción turística do municipio mariñán.
O acordo asinado polas dúas institucións recolle a limpeza de instalacións públicas municipais para incrementar as medidas de desinfección debido á pandemia da Covid 19, como a piscina e as praias da localidade. Así mesmo, inclúe o mantemento da instalación eléctrica do claustro de San Francisco; os reemisores de Covas, Faro e Escourido; e a rehabilitación de accesos e pistas a núcleos urbanos e rurais.
Por outra banda, tamén inclúe un estudo hidrolóxico da rede fluvial de Viveiro para coñecer as debilidades coas que contan e así evitar posibles asolagamentos. Por último, dito investimento provincial axudará a impulsar o turismo do concello a través de campañas de promoción e información do territorio.
“Agradezo como alcaldesa do Concello de Viveiro o apoio da Deputación, vivimos tempos complicados e a colaboración entre administracións é fundamental para mellorar a vida dos veciños e veciñas”, afirmou María Loureiro.
Pola súa parte, José Tomé explicou que “o convenio recolle varias actuacións importantes para que os veciños e veciñas de Viveiro conten cunhas boas dotacións públicas municipais, dentro do noso firme compromiso por lograr o equilibrio territorial”.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro