O CONCELLO DE VIVEIRO COS ESTUDANTES

O CONCELLO DE VIVEIRO COS ESTUDANTES

Balance do servizo de transporte de estudantes e información sobre o servizo de orientación académica para estudantes prestado dende a Oficina Municipal de Informacion Xuvenil.

Tras a finalización do curso académico 2016-2017, quérese facer balance do servizo de bonobús que este concello vén prestando, en colaboración coa empresa Arriva, co obxectivo de ofrecer un servizo de transporte máis eficiente e de menor custe para os veciños deste municipio que se desprazan a Xove, San Cibrao, Burela, Lugo, A Coruña e Santiago para realizar os seus estudos.
 
Ao abeiro deste convenio, durante o pasado curso 2016-2017 establecéronse buses directos que ían dende Viveiro cara a Lugo, A Coruña e Santiago os domingos ou fin de ponte en temporada escolar e que viñan dende esas cidades ata Viveiro os venres, acurtándose significativamente a duración das viaxes.
 
Cómpre destacar a elevada demanda deste servizo, do que se benefician 99 estudantes; destes, 32 desprázanse a Santiago; 29, á Coruña; 6, a Lugo; 21, a Burela; 9, a Xove; e 2, a San Cibrao.
 
Ademais das xestións realizadas para mellorar a calidade do servizo, o Concello asumiu un importante compromiso económico financiando a metade do importe de cada viaxe e, deste xeito, o prezo final a abonar por parte dos usuarios viuse reducido de forma considerable. Dende o inicio do curso escolar, en setembro de 2016, e ata o día de hoxe, este servizo tivo un custe de 13.016,99 €.
 
Na mesma liña, cómpre facer referencia ao servizo de transporte escolar gratuíto, para desprazarse a Xove, San Cibrao e Burela, que empregan os estudantes de Viveiro que cursan estudos de Formación Profesional ou Bacharelato nalgún centro deses municipios. Neste curso foron 32 os estudantes que o empregaron a diario para desprazarse ás localidades onde cursan os seus estudos. Dende o inicio do curso escolar, en setembro de 2016, e ata o día de hoxe, este servizo tivo un custe de  15.048 €.
 
Por outro lado, ante o inicio dun novo curso escolar, quérese lembrar que a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Viveiro continúa ofrecendo o servizo de orientación académica para os mozos e mozas que o vindeiro curso inician estudos de FP,  Grao Universitario ou ensinanzas artísticas.
 
Ofrécese un servizo integral de  información acerca dos requisitos de acceso, prazos de preinscrición e matrícula nas distintas ensinanzas, solicitude de residencias  públicas ou bolsas de estudos, entre outras cuestións; así mesmo, realízanselles, aos mozos que así o demandan, todos estes trámites e resólvense as dúbidas formuladas sobre estas ou outras cuestións.
 
Os mozos e mozas son atendidos presencialmente, na OMIX, de 10.30 a 14.00 horas e tamén poden consultar as súas inquedanzas no correo xuventudeviveiro@gmail.com

 

Viveiro, na data que figura á marxe.
 
 
A alcaldesa,
María Loureiro García
Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar