O Concello de Viveiro e a Xunta de Galicia deseñan un proxecto para recuperar o Souto da Retorta

O CONCELLO DE VIVEIRO E A XUNTA DE GALICIA DESEñAN UN PROXECTO PARA RECUPERAR O SOUTO DA RETORTA

DESENVOLVERASE EN DÚAS FASES E, POR MOTIVOS DE SEGURIDADE, ALGÚNS EUCALIPTOS QUE PRESENTAN UN DETERIORO AVANZADO SERÁN SUBSTITUÍDOS POR OUTRAS ÁRBORES DE RAZAS AUTÓCTONAS

Os traballos poderían comezar a finais do verano, se as condicións climatolóxicas o permiten

Viveiro, 2 de maio de 2025. O Concello de Viveiro e a Xunta de Galicia deron forma esta mañá ao proxecto para rexenerar o Souto da Retorta, espazo senlleiro da parroquia de Chavín que, por motivos de seguridade, permanece pechado e co acceso restrinxido. Na actualidade, conta con 270 exemplares de eucalipto e é un dos principais reclamos turísticos do Concello. Pero, para previr accidentes, algunhas das árbores máis deterioradas terán que ser substituídas por outras que serán de razas autóctonas como ameneiros.

O proxecto para rexenerar o Souto da Retorta levarase a cabo en dúas fases. Contará cunha licitación complexa e, se a climatoloxía o permite, os traballos poderían comezar a finais do verán, concretamente, en setembro.

A intervención no Souto da Retorta será deseñada e executada co maior coidado, xa que, ademais de tratarse dun espazo senlleiro e de referencia en Viveiro, é de difícil acceso. Por todo iso, levarase a cabo un estudio xeotécnico para evitar potenciais colapsos e para calibrar as condicións do acceso da maquinaria pesada que levará a cabo as labores de rexeneración á zona.

O Avó, fóra de risco

O Avó, o eucalipto máis groso e característico do Souto da Retorta –e o máis susceptible de recibir as apertas dos visitantes–, non corre risco. Pese a iso, será obxecto das atencións necesarias, como as que se levaron a cabo cando foi cercado para evitar que o chan do seu redor fose pisado e se dificultase a súa respiración.

Na xuntanza celebrada esta mañá, na que se esbozaron as liñas mestras da actuación, estiveron presentes Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro; Tomás Fernández Couto, subdirector xeral de Patrimonio Natural; Jesús Montouto, delegado territorial de Medio Ambiente na provincia de Lugo; Martín Vale, tenente de alcaldesa de Viveiro; Vicente Vázquez Chao, concelleiro de Obras de Viveiro; María Loureiro, voceira do PSOE de Viveiro; Míriam Bermúdez, voceira do BNG de Viveiro; e Manuel Galdo, concelleiro de Por Viveiro.

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar