31
Maio
O DEPORTE NON TEN XÉNERO
O CONCELLO DE VIVEIRO IMPULSA O PROGRAMA DE VISIBILIZACIÓN DO DEPORTE FEMINO “O DEPORTE NON TEN XÉNERO”
Viveiro, 30 de maio de 2022. O Concello de Viveiro, a través da concellería de Muller, propón o proxecto “O deporte non ten xénero”, en colaboración co Centro de Información á Muller. A iniciativa, dirixida á mocidade, busca dar achegar ás mulleres a distintos deportes, a través de charlas e clases deportivas gratuítas.
A primeira cita deste programa será sobre o surf, con Viveiro Surf Escola. Así, o mércores 22 de xuño organizarase unha charla sobre “A muller e o surf”, na sala multiusos do Concello de Viveiro. A cita será ás 20:00 e contará coa participación das deportistas Claudia Prieto e Lucía Martínez, quen contan cunha exitosa traxectoria no surf.
Ao día seguinte, o xoves 23 de xuño, ofrecerase unha clase de surf, dirixida a todas as mulleres que desexen participar. A formación será gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que cómpre reservar no teléfono 982550421.
“Durante todo o ano impulsamos diferentes iniciativas en materia de igualdade, cun importante esforzo na mocidade. Con esta proposta queremos chegar a un novo terreo, o deporte, onde por desgraza aínda existen moitos estereotipos”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Pola súa parte, a concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega sinala que a iniciativa busca “sensibilizar e divulgar sobre a presenza feminina no deporte, rachando así cos estereotipos asociados ao deporte feminino. Agardamos que as mulleres se sumen a esta actividade e coñezan ademais deportes distintos”.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro