O GRUPO DE TEATRO CHÉVERE REPRESENTA EN VIVEIRO, O 12 DE NOVEMBRO, A OBRA EROSKI PARAÍSO

O GRUPO DE TEATRO CHÉVERE REPRESENTA EN VIVEIRO, O 12 DE NOVEMBRO, A OBRA EROSKI PARAÍSO

A actuación, que terá lugar no Teatro Pastor Díaz ás 20:30 horas, forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Eroski Paraíso é a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. Trátase dun proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influir nas decisións de compra dos comsumidores.

 

SINOPSE
Como outras pezas da compañía, Eroski Paraíso é o resultado dun proceso de procura de varios meses que logo se concreta no local de ensaio. Nesta ocasión fíxose un traballo de documentación previo sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas da zona. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Como tantas outras familias emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

 

A OBRA


Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se tivese estado parada exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu arredor. Unha maneira coma calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.


O de explorar a memoria colectiva.


O teatro é un rexistro cultural de primeira magnitude para documentar a realidade máis próxima e ubicarnos como pobo nun mundo globalizado. O proceso de traballo de Eroski Paraíso comezou explorando a memoria colectiva e a afectividade dunha pequena comunidade a partir das historias reais recollidas sobre unha sala de festas que se transformou nun supermercado. A sala de festas chamábase Paraíso e no seu lugar agora hai un supermercado Eroski.


O do cinema documental.


Eroski Paraíso é tamén unha reflexión sobre a posibilidade de documentar a realidade, sobre a distancia entre a ficción e a realidade, entre o que significa ser un mesmo e actuar como un mesmo. Por iso planeamos a obra como se fose unha película documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral, reutilizando a linguaxe do cinema e os recursos do documental creativo para facer unha obra especificamente teatral.

 

FICHA TÉCNICA

 

Autor: CHÉVERE
Dirección :Xron
Adaptación : Manuel Cortés
Escenografía :Chévere
Deseño son :Xacobe Martínez Antelo
Deseño iluminación :Fidel Vázquez
Vestiario :Chévere
Elenco artístico : Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Luís Martínez, Fidel Vázquez.
Clasificación : Teatro / Comedia
Duración : 90 min
Público :Adultos

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar