ORZAMENTOS 2021

ORZAMENTOS 2021

O CONCELLO DE VIVEIRO TERÁ ESTE ANO 2021 UNS ORZAMENTOS SOCIAIS QUE INCLUIRÁN UN SEGUNDO PLAN DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA

Viveiro, 13 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro terá este ano un orzamento municipal de máis de 13 millóns de euros, cun forte incremento no gasto social e unha nova liña de axudas para os sectores máis afectados pola pandemia.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, presentou hoxe en rolda de prensa os orzamentos e o segundo Plan de Reactivación Económica, que saen adiante grazas ao mesmo acordo que o adoptado o ano pasado co grupo Por Viveiro.

“Son unhas contas axustadas ao actual contexto económico e moi sociais, coa prioridade de axudar ás familias de Viveiro, os autónomos e a sectores como a hostalaría e o comercio”, asegura Loureiro.

O montante do orzamento deste exercicio 2021 ascende a 13,1 millóns de euros, un millón de euros menos que no 2020, tanto en ingresos como en gastos, sendo unha gran parte desta redución motivada polo cambio de taxa por tarifa nos recibos da auga e lixo, que foi aprobado en pleno en base á lexislación vixente.

Outra parte desta redución no orzamento deriva da obra xa realizada en base á sentenza referida ao inmoble situado na rúa Nicolás Cora Montenegro, 50. Ao tratarse dunha baixada idéntica no capítulo de gastos e ingresos, isto non afecta á prestación de ningún servizo.

Trátase duns orzamentos de emerxencia, acordes á situación actual e á crise derivada da pandemia da Covid-19, nos que cómpre destacar a continuidade das axudas directas aos sectores máis prexudicados. Neste segundo Plan de Reactivación Económica inclúese un importe total de 200.000 euros, presentando como novidade a existencia de dúas liñas de axudas. 

Unha delas está destinada en exclusiva ao sector da hostalaría, que está sendo o máis afectado pola pandemia. Para a tramitación destas axudas está previsto que o Concello de Viveiro se adhira ao Plan de Rescate da Xunta de Galicia, de xeito que cada hostaleiro que cumpra os requisitos establecidos recibirá a axuda concedida pola administración autonómica e máis a cantidade achegada polo Concello de Viveiro. A esta liña de axudas destinaranse, aproximadamente, uns 100.000 euros e cada hostaleiro recibirá do Concello de Viveiro en torno aos 1.000 euros.

O Concello de Viveiro prevé adherirse a este convenio, para a tramitación conxunta das axudas á hostalería, tendo en conta que a Xunta de Galicia dispón de máis medios para realizar a tramitación cunha maior axilidade.

En todo caso, cómpre destacar que aqueles hostaleiros que non soliciten as axudas da Xunta de Galicia poden solicitar posteriormente as axudas convocadas polo concello.

A segunda liña de axudas está destinada a autónomos e pequenas empresas que por algunha circunstancia non puideron beneficiarse do Plan de Reactivación Económica de 2020, cumprindo coas bases que se establezan nesta nova convocatoria.

Dentro do Plan de Reactivación Económica tamén se entenden incluídas:

- A exención do pago da taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras e outros elementos análogos con finalidade lucrativa. Ordenanza núm. 13 (terrazas), cun importe aproximado de 40.000 euros.

- A exención do pago da Ordenanza núm. 6 de licenzas de apertura ou funcionamento, cun importe aproximado de 10.000 € cada ano. 

- A contía destinada a emerxencia social, que ascende a 45.000 €.

- Tamén se están realizando xestións para non cobrar o recibo de auga e lixo para os locais que estiveron pechados forzosamente pola pandemia durante dito periodo.

Para a aprobación dos Orzamentos Municipais 2021 e deste 2º Plan de Reactivación Económica o goberno municipal adoptou un acordo cos concelleiros do Grupo Municipal Por Viveiro, agradecendo a súa comprensión e destacando que, antes de facer calquera proposta, se preocupan por saber como está a situación económico do concello para valorar a súa viabilidade.

 

Saúdos,

Comunicación Concello de Viveiro

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar