OS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS REDOBRARON O SEU TRABALLO

OS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS REDOBRARON O SEU TRABALLO

OS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS REDOBRARON O SEU TRABALLO DESDE O COMEZO DA PANDEMIA PARA ATENDER A TODAS AS FAMILIAS EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE E A XESTIÓN DAS AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL

Viveiro, 24 de xullo de 2020. O Concello de Viveiro veu traballando intensamente dende o comezo da pandemia da Covid-19 co obxectivo de paliar as súas consecuencias económicas, sendo fundamental neste sentido o traballo realizado dende o primeiro momento por parte dos servizos sociais municipais para axudar a todas aquelas familias en situación de vulnerabilidade.

 

Ao longo destes meses, ademais da tramitación de expedientes e información xeral con respecto aos distintos tipos de axudas, como poden ser Risga, Axudas de Inclusión Social ou Tarxetas Moedeiro, do seguimento individualizado e prestación do SAF e da tramitación das altas do servizo de teleasistencia e seguimentos posteriores, realizáronse todas as xestións necesarias co obxectivo de prestar a axuda necesaria a todas aquelas familias do Concello de Viveiro nesa situación.

 

Como consecuencia desta crise, o Departamento de Servizos Sociais constatou un incremento tanto nas emerxencias sociais tramitadas como no número de familias acollidas ao programa de reparto de alimentos.

 

En colaboración coa Cruz Vermella, os Servizos Sociais continúan realizando o reparto de alimentos procedentes do FEAD (Fondo Europeo) e do Banco de Alimentos. Actualmente estase axudando coa entrega de alimentos a 189 familias; durante a pandemia, chegaron a atenderse periodicamente 217 familias.

 

Polo que atinxe ás axudas de emerxencia social, dende o inicio da crise sanitaria o Concello de Viveiro tramitou a través de fondos propios axudas por un importe total de 20.607,31 euros, que se destinaron á concesión de axudas económicas directas e ao pago de gastos de primeira necesidade, gastos en farmacia derivados da adquisición de leite de bebé e medicación, vales de gasoil e bombonas de butano ou para a adquisición de alimentos a entregar a través do programa de reparto de alimentos.

 

Ademais, dende o Centro de Servizos Sociais do Concello de Viveiro tamén se xestiona a entrega de axudas a familias en situación de vulnerabilidade grazas ás aportacións realizadas por distintas entidades, como son Centro San Anibal; Inmaculada Niña; Cáritas Viveiro, Celeiro e Covas ou Cruz Vermella, ás que se quere agradecer publicamente todo o apoio prestado.

 

Tamén cómpre agradecer a todos os particulares que ao longo destes meses realizaron doazóns para a adquisición de alimentos (nalgún caso por importe de 400 €) como polas empresas que doaron alimentos para o seu reparto, como é Puerto de Celeiro, que fixo entrega dunhas 200 merluzas, ou a Confraría de Pescadores, mediante a doazón de xarda.

 

Ao longo destes meses o Centro de Servizos Sociais traballou co obxectivo de chegar a todos os veciños e veciñas de Viveiro que puideran necesitar a axuda deste departamento, pedindo desculpas polos erros que se poidesen orixinar como consecuencia da situación excepcional na que nos vimos inmersos a consecuencia da crise sanitaria do COVI-19. Como non podía ser doutra maneira, continúase traballando coa mesma intensidade, realizando as labores de información, tramitación e xestión das axudas e servizos propios do departamento, que presta atención permanente e presencial, previa cita, de 9:00 a 14:00 horas.

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar