Peche do Concello

PECHE DO CONCELLO

O CONCELLO DE VIVEIRO PECHA AS SÚAS INSTALACIÓNS ESTE MÉRCORES COMO MOSTRA DE SOLIDARIEDADE COS TRABALLADORES DE ALCOA E REIVINDICA UNHA SOLUCIÓN URXENTE QUE EVITE OS DESPIDOS

Viveiro, 29 de xuño de 2020. O Concello de Viveiro anuncia á veciñanza que este mércores, 1 de xullo, pechará as súas instalacións como mostra de solidariedade cos traballadores de Alcoa, que farán unha folga nesa xornada, e reivindica unha solución urxente que evite os despidos

A factoría de Alcoa en San Cibrao atópase nunha grave situación, tras o anuncio por parte da empresa dun despido colectivo que afecta a 534 empregados de forma directa ademais de afectar a un gran número de traballadores de forma indirecta.

Na planta de Alcoa San Cibrao traballan de forma directa unhas 2000 persoas, incluíndo o persoal da factoría e o das empresas auxiliares, ademais de xerar miles de postos de traballo de forma indirecta en toda a comarca; unha parte importante do PIB da provincia de Lugo corresponde a esta fábrica e que o seu impacto económico na é fundamental, polo que este anuncio de despido por parte da propietaria da factoría supón un grave prexuízo económico para toda a comarca, que de facerse realidade suporía unha hecatombe para Viveiro e o resto de municipios da Mariña, xa de por si castigada pola industria e afectada neste momento pola crise económica derivada do COVID19.

Tendo en conta que os traballadores da factoría de San Cibrao e das empresas auxiliares farán unha folga o 1 de xullo para reivindicar unha solución urxente a esta situación e tendo en conta, así mesmo, que hai diversos comercios de Viveiro que o vindeiro mércores tamén permanecerán pechados, dende o goberno municipal vén de acordarse o citado peche das instalacións municipais o vindeiro 1 de xullo como mostra de solidariedade cos traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares para reivindicar unha solución urxente que evite os despidos anunciados e que garanta o futuro desta factoría, fundamental para a comarca, así como o mantemento de todos os seus postos de traballo.

Para garantir a atención á cidadanía manteranse operativos os servizos do Rexistro Municipal, o Padrón de Habitantes, a atención telefónica na Casa do Concello e no Centro de Servizos Sociais, as citas previas concertadas no servizo de Catastro, Policía Local e Protección Civil.

Manteranse abertos e operativos os servizos do Cemiterio, Praza de Abastos e Matadoiro; así como os servizos de abastecemento domiciliario de auga potable e sumidoiros e recollida de residuos sólidos urbáns, limpeza viaria e punto limpo.

Dende o goberno municipal quérese amosar publicamente, unha vez máis, a súa preocupación pola situación na que se atopa a planta de alúmina-aluminio de San Cibrao, manifestando a súa total solidariedade cos empregados de Alcoa e das súas empresas auxiliares e instando ás administracións competentes a buscar unha solución definitiva para garantir a continuidade da factoría na comarca.

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar