05
Novembro
POLIDEPORTIVO NO CEIP DE COVAS
O CONCELLO DE VIVEIRO APROBA NO PLENO DÚAS MOCIÓNS PARA DEMANDAR UN POLIDEPORTIVO NO CEIP DE COVAS E UN NOVO XULGADO
Viveiro, 4 de novembro de 2020. O Concello de Viveiro informa de que, no pleno celebrado onte, se aprobaron por unanimidade as dúas mocións presentadas polo equipo de goberno. As propostas incluían a construción dun pavillón polideportivo ou pista cuberta nas instalacións do CEIP Plurilingüe de Covas e a creación dun 3º Xulgado en Viveiro.
O CEIP de Covas é o único centro de Primaria do concello que non dispón dunha pista cuberta. Esta carencia supón un grave prexuízo para o alumnado, xa que cando chove ou fai mal tempo os nenos e nenas non poden saír ao patio. Esta situación agrávase aínda máis neste curso por mor da pandemia e a necesidade de manter as distancias de seguridade.
Doutra banda, a creación dun terceiro xulgado en Viveiro é unha necesidade urxente, atendendo ao exceso de traballo actual acreditado polo Consello Xeral do Poder Xudicial. A situación do xulgado vénse prolongando no tempo e está a traer graves consecuencias para a veciñanza, quen sofre a demora na tramitación dos distintos expedientes xudiciais.
En ambos casos, con estas dúas mocións presentadas, o goberno local quería lograr un acordo unánime de todos os grupos políticos para instar á Xunta de Galicia a construir un pavillón ou pista cuberta no CEIP de Covas e conseguir tamén que o novo xulgado de Viveiro sexa unha realidade.
O Concello de Viveiro celebra o apoio unánime ás mocións presentadas polo equipo de goberno, que dan resposta ás demandas do centro educativo e da asociación de pais e nais do CEIP de Covas, así como dos usuarios dos xulgados, para mellorar o funcionamento de ambas instalacións.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro