PROBLEMÁTICA DO LOBO

PROBLEMÁTICA DO LOBO

A ALCALDESA DE VIVEIRO REUNIUSE PARA PEDIR SOLUCIÓNS Á PROBLEMÁTICA DO LOBO COA CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, QUE RECOÑECEU RETRASOS NAS REVISIÓNS DA LEI DE PROTECCIÓN GALEGA

Viveiro, 1 de setembro de 2021. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o 1º tenente de alcalde, Jesús Fernández Fernández, mantiveron unha reunión de traballo coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, para falar sobre a problemática do lobo.

Tras agradecer á conselleira a rápida convocatoria da reunión solicitada polo Concello de Viveiro, a alcaldesa explicoulle o problema existente e se lle deu traslado dos escritos entregados por parte das comunidades de montes do municipio e outros colectivos afectados por esta situación, indo o contido da reunión por parte do concello nesta liña.

Ante o anuncio da clasificación do lobo como especie protexida, en febreiro de 2021 o Concello de Viveiro xa manifestou a súa postura, xunto con outros oito concellos, remitindo un escrito ao Ministerio sobre este asunto cunha serie de manifestacións e solicitudes acordadas entre os municipios referidos, todos eles situados na Serra do Xistral.

Independentemente diso, esta clasificación aínda non entrou en vigor e algunhas comunidades autónomas, como Galicia, presentaron alegacións, pero mentres o problema segue aí, polo que dende o concello se lle plantexou á Conselleira de Medio Ambiente a necesidade de traballar conxuntamente para solventar esta situación, tendo en conta que a Xunta tamén ten as súas competencias nesta materia.

Por parte da consellería, recoñeceuse que o censo do lobo non está actualizado dende o 2014; tamén se indicou que hai tres meses se lle adxudicou esta labor a unha empresa externa, que están actualizando o censo do lobo en toda Galicia, e que cren que a finais de ano 2021 estará actualizado, polo que se recoñeceu que ao non ter o censo actualizado non puideron facer as pertinentes revisións da lei de protección galega do lobo do ano 2018. Hai xa tres anos que deberían estar feitas e non se fixo.

Tamén se tratou o problema das indemnizacións, así como a tardanza nos pagos, explicándolle que os veciños se queixan por que se lles está a indemnizar no momento do ataque polo animal morto, pero os beneficios perdidos non están incluídos. Por parte da consellería, explicouse que eles incrementaran as subvencións, que recolleron o que lle trasladaron os sindicatos (que xa incluíron abortos) e que estaban a traballar neste problema.

Dende a consellería aconsellouse que, dende o concello, para poder facer algo podíase reunir cos tecores de distrito, tendo en conta que son eles os teñen coñecemento da situación concreta de cada un deles, considerando cal sería a mellor opción para cada unha das zonas, entre as distintas posibilidades existentes, ben sexa esperas, batidas ou monterías.

Neste sentido, por parte da consellería explicouse que eles non poden actuar de oficio e que teñen que ser os concellos ou os tecores os que soliciten autorización para realizar algún tipo de actuación, para que eles analicen e valoren a situación.

Neste sentido o concello, como sempre, vai actuar e xa se vai a poñer en contacto cos tecores do municipio para valorar esta posibilidade”, explica María Loureiro.

Consideramos que quedou claro, non sei se é que non se quere escoitar ou se non interesa, que o Concello de Viveiro xa manifestou a súa postura remitindo un escrito ao Ministerio, xunto con outros concellos, pero que é evidente que mentres hai que facer algo por que o problema está aí, segue habendo ataques cada vez máis cerca das vivendas e de aí a nosa preocupación e a solicitude desta reunión.

Por ese motivo, dende o Concello de Viveiro quérese facer unha ampla referencia ao contido da reunión, que foi bastante distendida e na que se trataron varios temas, como as estatísticas, a actualización do censo, etc., e na que, por parte da consellería, incluso se xustificou a paralización das actuacións por parte da Xunta que está á espera de se a orde do Ministerio entra ou non en vigor, pero unha cousa non quita a outra, e que esteamos á espera de que o Ministerio de Transición acepte ou non as alegacións non evita que o problema siga aí e que sexa preciso buscar solución para este asunto.

Finalmente, dende o Concello de Viveiro demándase que algún tipo de actuación hai que facer, dado que o problema está aumentando a diario, tal e como se admitiu na propia reunión.


 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

 

Carta os concellos

 

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar