07
Xuño
PROGRAMA VOLUNTARIADO XUVENIL 2022
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DO PROGRAMA VOLUNTARIADO XUVENIL 2022
Viveiro, 6 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro busca persoas voluntarias para participar no seu “Programa Voluntariado Xuvenil 2022”, organizado dende a Oficina Municipal de Voluntariado (O.M.V). As persoas participantes recibirán un certificado e remuneración económica pola súa contribución ao programa, cuxos detalles poden consultarse na Oficina Municipal de Voluntariado.
A actividade, baixo unha subvención da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, diríxese á mocidade entre os 16 e os 30 anos. Para esta actividade a realizar nos meses de xullo, agosto e setembro, búscanse preferiblemente persoas que teñan algunha formación na área educativa ou social.
Este programa, con xornadas diarias de ata 6 horas, pretende brindar á mocidade a oportunidade de desenvolver unha serie de posibilidades no ámbito persoal e profesional. Tamén pretende aumentar a súa dispoñibilidade de cara ao emprego e a súa participación na sociedade en xeral.
A actividade enmárcase dentro da concellería de Benestar Social e componse de diferentes actividades de apoio educativo e de lecer a colectivos en situación de risco de exclusión social.
A concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, participou neste voluntariado tras rematar os seus estudos universitarios. “Foi a miña primeira aproximación ao mundo laboral. Nese tempo coñecín a excelentes profesionais, e descubrín a miña vocación, o traballo con menores en situación de vulnerabilidade. O voluntariado educativo e social supuxo o inicio da miña carreira profesional polo que ánimo a todos os veciños e veciñas de Viveiro que reúnan os requisitos a formar parte de esta fermosa e enriquecedora experiencia persoal e laboral", sinala a concelleira.
O programa inclúe un compoñente sensibilizador e formativo, xa que a través do mesmo pódese formar a un equipo de voluntariado que desexe colaborar de forma solidaria na organización destas actividades.
O labor das persoas voluntarias basearase na intervención con menores e adultos, para fomentar a súa formación, promover o coñecemento, e aproveitar os recursos do Concello de Viveiro.
A mocidade interesada en participar deberá cubrir unha ficha solicitando a participación voluntaria no programa e acudir á Oficina Municipal de Voluntariado(O.M.V.), situada no Centro de Servizos Sociais Avenida de Cervantes s/n, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 ou chamando o teléfono 982550421.
Tamén é posible solicitalo na Oficina Municipal de Información Xuvenil (O.M.I.X.), situada no Concello de Viveiro Praza Maior nº 1, de luns a venres en horario de 10:15 a 14:30 ou chamando ao teléfono 982560128.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro