PROGRAMACIÓN DE NADAL

PROGRAMACIÓN DE NADAL

O CONCELLO DE VIVEIRO PRESENTA UNHA AMPLA E VARIADA PROGRAMACIÓN DE NADAL CON PROPOSTAS PARA TODAS AS IDADES

Viveiro, 21 de decembro de 2023. O Concello de Viveiro presenta a súa programación para estas festas de Nadal cunha oferta de actividades variada, ampla e con opcións para todas as idades. Á longa lista de propostas súmase tamén o Belén ‘Viveiro ante o Berce’, considerado un dos máis importantes de Galicia, que se pode visitar dende o pasado día 5 de decembro.

Con esta programación chea de actividades para todas as idades agardamos que Viveiro se encha unha vez máis de visitantes de toda a comarca e de toda Galicia, co impulso que isto supón para o noso comercio e a nosa hostalaría” afirma a alcaldesa María Loureiro.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, reafirmou o compromiso do Goberno local “coa cultura, especialmente a cultura en galego, para celebrar estas datas tan sinaladas cunha oferta diversa e para todos os gustos”. “Desexamos a toda a veciñanza unhas moi felices festas, que veñan cargadas de boas novas para afrontar este vindeiro 2024”, engadiu.

A primeira cita da programación está sinalada xa para mañá venres, día 22, ás 21:00 na Igrexa das Concepcionistas. Alí terá lugar o Concerto de Panxoliñas 2023 coas actuacións da Coral Polifónica Alborada de Viveiro e da Agrupación Coral Endesa das Pontes.

O día 23, ás 18:00 na praza Maior, terá lugar un concerto a cargo de Golpe de Efecto e de Badnkinders, e ás 20:30 no teatro Pastor Díaz será a quenda da Banda Municipal de Música O Landro, con entrada de balde previa retirada na billeteira a partir das 19:30.

Serán varias tamén as propostas do Concello do Viveiro para o día 24 cos Roteiros de Nadal no Vivertren ao longo de todo o día, a ‘Troula de Boa Noite’ que animará a Praza Maior a partir das 18:00, e o reparto de agasallos de Papa Noel dende as 19:00 dende Magazos ata Lodeiro.

Continuarán as citas o día 26 ás 19:00, coas Panxoliñas na Rúa da coral Alborada. O mércores 28 vivirase unha gran xornada coa Gala da Maxia a cargo de catro grandes magos galegos, no Teatro Pastor Díaz dende as 20:30 horas. As entradas para este último evento poden reservarse no 982560162 ou en rbg.cultura@viveiro.es

Tamén acollerá o Pastor Díaz a actuación de Escolma de Meus, as 20:30 do 29 de decembro con entrada de balde ata completar aforo. A Troula de Fin de Ano, por outra banda, será entre 13:30 e 15:30 na Praza Maior, a cargo do grupo Los Alcántara.

Xa comezado xaneiro de 2024, o día 5 haberá novos roteiros de Vivertren e, ás 17:30 terá lugar a gran Cabalgata dos Reis Magos. As súas Maxestades, que estarán acompañados polo pasarrúas da Banda da Misericordia, dirixiranse á veciñanza dende o balcón da Biblioteca Municipal antes da recepción real na Sala Multiusos do Concello.


 

Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro.

 

  • Máis fotografías

  • Uso de cookies
    Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

    continuar