17
Xaneiro
PUNTO LIMPO MÓBIL
O CONCELLO DE VIVEIRO XA DISPÓN DO NOVO CAMIÓN PUNTO LIMPO MÓBIL PARA FAVORECER A RECOLLIDA DE RESIDUOS E A SÚA CORRECTA RECICLAXE
Viveiro, 16 de xaneiro de 2023. O Concello de Viveiro recibiu hoxe o camión punto limpo móbil que empregará na recollida de determinados residuos, co obxectivo de facilitar a súa correcta reciclaxe por parte dos veciños e veciñas da vila.
“Para o Concello de Viveiro é fundamental o fomento de actuacións que melloren a xestión dos refugallos no municipio. Son varias as iniciativas que xa levamos a cabo nos últimos anos para fomentar a reciclaxe, para educar e axudar na recollida de residuos susceptibles de valoración, e sen dúbida este camión suporá outro paso adiante importante neste obxectivo común como é coidar o noso medio ambiente”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O camión comezará a funcionar entre finais deste mes de xaneiro e principios de febreiro, percorrendo tanto o casco urbano como as parroquias de Viveiro para recoller pequenos electrodomésticos, aceites vexetais, lámpadas, pilas ou baterías, entre outros residuos. Nos próximos días daranse a coñecer as datas nas que chegará a cada zona así como a quenda de rotación.
O camión punto móbil, que adquiriu o Concello de Viveiro grazas a unha subvención da Consellería de Medio Ambiente con fondos Next Generation da UE, será complementario ao punto limpo fixo xa existente na actualidade e favorecerá a recollida dos residuos e a súa clasificación, evitando a aparición de vertedoiros incontrolados e ilegais tan prexudiciais para o medio ambiente.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro